Comarcas

Torneiros terá outra luz

O Concello substituirá o alumeado nas zonas residenciais e no parque Piñeiro

Torneiros terá outra luz

Torneiros terá outra luz será así logo de que o Concello do Porriño impulsase o proxecto de substitución do alumeado público do polígono residencial e do parque Piñeiro.

A primeira fase desta actuación xa está aprobada e contempla a renovación de 105 lámpadas por luminarias LED nas zonas peonís das fases II e III. Conta cun investimento de 40.000 euros ao abeiro dunha subvención do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.

Segunda actuación

A intervención neste núcleo de vivendas, un dos que máis poboación concentra do municipio, é global e non se limita a esta área. O Concello ten proxectada unha segunda actuación nas fases I e IV, onde se instalarán 51 luminarias LED. Este proxecto supoñerá un investimento de máis de 34.000 euros.

“Trátase de mellorar a seguridade e a calidade na prestación do servizo de alumeado público nesta zona residencial, xa que a instalación actual está obsoleta, ten unha antigüidade de 30 anos”, explicou o alcalde. Alejandro Lorenzo subliñou que “coa sustitución das luminarias non só melloraremos os niveis de iluminación e de eficiencia enerxética, tamén se reducirá o consumo, o gasto e contribuiremos á mellora medioambiental coa optimización dos recursos enerxéticos”.  

Parking para autocaravanas no Porriño

Área de caravanas

Así mesmo, Porriño contará nas próximas semanas cun área de caravanas e autocaravanas no centro urbano. Trátase dunha zona que ocupará uns 200 m2 da parcela de Leandro Diz, habilitada como aparcamento gratuíto. Os traballos de acondicionamento da parcela xa comezaron e unha vez rematados ofrecerán un aparcadoiro con todos os servizos para as autocaravanas, ademais da zona habilitada como aparcamento gratuíto que xa está en funcionamento.

O alcalde asegura que esta demanda tiña que atenderse, considerando que “se trata dunha forma de turismo en auxe”. Lorenzo apunta, que, ademáis, “impedimos que as caravanas e autocaravas que chegan ao Porriño se instalen noutros aparcadoiros, ante a falla dun estacionamento municipal habilitado”.

Saneamento

Ao mesmo tempo, o Goberno local segue espallando a rede de Saneamento por todo o Concello e, se hai uns días xa se conectaban varias vivendas de Cans á rede municipal, agora por medio do investimento de máis de 1 millón de euros traballase na conexión integral da parroquia de Budiño.

Ás obras de extensión da rede no Picouzo, que dará servizo a 29 vivendas e ao colexio,  sumaranse as dos barrios de Benunes, Eiriz, Rozadas, e parte da Vacaría e Mantelle. En total, executaranse 4 quilómetros de rede e unhas 100 acometidas, o que permitirá que máis de 300 veciños da parroquia dispoñan de conexión a este servizo. 

As concellerías de Vías e Obras e Urbanismo contan xa co proxecto e están só a espera das pertinentes autorizacións sectoriais, xa solicitadas, para proceder á licitación destes traballos. A inversión para levar a cabo estas actuacións ascende a 538.529 euros no caso de Benunes e 345.000 no de Sobral – Eiriz.

También te puede interesar