Galicia

“Seguimos con todas e para todas”, lema do programa da Deputación para o ‘8M’

Ocupará todo o mes de marzo con actividades en toda a provincia

“Seguimos con todas e para todas”, lema do programa da Deputación para o '8M'

A Deputación de Pontevedra promoverá ao longo do mes de marzo unha vintena de actos para conmemorar o 8M, Día Internacional das Mulleres. A deputada Sandra Bastos foi a encargada de detallar a programación deseñada pola institución provincial baixo o lema Seguimos con todas e para todas”.

Igualdade “real e efectiva”

“Somos moi conscientes de que sen igualdade real e efectiva de mulleres e homes non hai dereitos nin
liberdades para ninguén” afirmou a deputada provincial, quen remarcou a importancia de alzar a voz e
tender pontes
para configurar unha sociedade máis comprometida coa equidade de xénero. Deste xeito, subliñou, a programación deseñada pola Deputación tenderá pontes cara a igualdade, “sendo obxectivo prioritario non soamente este 8M senón os 365 días do ano e en todas as áreas do goberno”, cos organismos públicos e co tecido asociativo provincial e coas mulleres das distinta esferas da sociedade.

A programación polo miúdo

A xornada do 8M comezará co alumeado de morado das sedes da Deputación en Vigo e Pontevedra que lucirán lonas e paneis deseñados para a ocasión pola ilustradora Abi Castillo. Ademais haberá un gran acto central no Pazo Provincial no que Susana Pérez Iglesias, presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, lerá un manifesto. E, como broche de ouro, terá lugar un acústico a cargo de Fillas de Cassandra.

Todo o mes de marzo

Ademais, a programación amplíase a todo o mes de marzo e tenderá pontes coas mulleres de diferentes
eidos da sociedade. Deste xeito, coas mulleres da cultura organizaranse ata oito actos que se estenderán entre o 29 de febreiro e o 21 de marzo. O primeiro deles terá lugar esta mesma tarde, co seminario “Museos, feminismos, canon. Outras historias da arte” no edificio Castelao do Museo de Pontevedra.

  • O luns, 4 de marzo, Lalín acollerá e exposición itinerante “Pontevedra e América” e un faladoiro non que intervirán Mª Xosé Rodríguez Galdo e Mª Xosé Porteiro.
  • Martes 5 , ás 19:00 horas está prevista a presentación do mural da artista Pilar Alonso no Centro Agarimo de Príncipe Felipe.
  • Xoves 7, continúa o programa “Aquí Faltan Páxinas” cun faladoiro sobre as leiteiras de Pontevedra a cargo de Xiana Iglesias.
  • O mesmo día 8 a ilustración será protagonista da man de Abi Castillo e a música, co espectáculo “Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino” de Vagalume, no ciclo “O son do piano” do Museo.
  • Os días 15 e 16, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o encontro “As mulleres que opinan son perigosas”.
  • Xoves, 21, un novo faladoiro de “Aquí Faltan Páxinas”, centrado en Inmaculada Paz Andrade, sobre a que falará Xoana Pintos.

Mulleres da empresa e mulleres do mar

As mulleres da empresa serán tamén protagonistas da programación deseñada pola Deputación, coa lectura do manifesto a cargo da presidenta de Empresarias de Galicia, Susana Pérez. E as mulleres do mar terán espazo propio a través de tres proxectos: unha exposición e un obradoiro sobre as achegas das mulleres á sustentabilidade que terá lugar no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño o martes 5; unha mostra fotográfica organizada da man da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca ANMUPESCA, que acollerá o Vestíbulo do Pazo Provincial; e unha xornada no Salón de Plenos na que se afondará nas organizacións de produtores pesqueiros e sobre os principios e fundamentos para o seu desenvolvemento e implantación no novo marco europeo.

Mulleres da Educación

A programación do 8M tamén tenderá pontes coas mulleres da educación a través dun obradoiro de sensibilización en igualdade na Escola de Enfermería, a cargo da politóloga Priscila Retamozo, o xoves 7 marzo, 09.30 e 14.00 horas; o concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?” dirixido a alumnado de primaria, educación especial e secundaria da provincia, para que reflexionen sobre a igualdade; e outro obradoiro de sensibilización en igualdade no Centro Penitenciario da Lama.

Mulleres da ciencia e da política

As mulleres da ciencia e da investigación formarán parte da programación da Deputación polo 8M, cun
programa de videopódcast con dúas charlas coloquio e dúas mesas redondas, que terán lugar os días 14 e 21 de marzo e 4 e 11 de abril, nas que expertas afondarán sobre os teitos de cristal, o emprendemento, a investigación no exterior ou as vocacións femininas.

E as mulleres da política terán espazo propio a través dunha acción global cos concellos centrada nos puntos violetas e na campaña contra as agresións sexuais que se lanzará neste 2024.

También te puede interesar