Destacados Vigo al minuto

A Xunta convoca este venres ao Concello de Vigo para axilizar a aprobación do PXOM

O alcalde pedira o martes unha “reunión urxentísima”

A Xunta convoca este venres ao Concello de Vigo para axilizar a aprobación do PXOM

A Xunta de Galicia convocou ao Concello de Vigo a unha reunión de carácter técnico sobre o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), este venres, día 1en Santiago, co obxectivo de abordar todas as cuestións a corrixir detectadas no documento remitido polo Goberno local a finais do mes de xaneiro e axilizar, deste xeito, a súa aprobación definitiva.

Na carta, remitida pola directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, á concelleira de Urbanismo e Vivenda do Goberno local, María José Caride, sinálase a conveniencia de manter esta xuntanza “para poder aprobar o PXOM de Vigo con todas as garantías e coa máxima prioridade”.

“Á maior brevidade”

Dende a Xunta subliñan que xa no requirimento enviado ao Concello este pasado luns, Rivas xa se puña á disposición do Goberno local, así como do equipo redactor do plan xeral, para tentar resolver “á maior brevidade posible” todas aquelas eivas e cuestións a corrixir que detectou o seu departamento na documentación remitida a finais de xaneiro, unha vez aprobado provisionalmente o PXOM.

“Reunión urxentísima”

A resposta da Xunta prodúcese logo de que o martes o alcalde solicitase á directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo unha reunión “urxentísima” para esixirlle explicacións “inmediatas”. Nese mesmo encontro, salientou Abel Caballero, resolveranse dúbidas, delimitaranse ámbitos competenciais para, en definitiva, avanzar la tramitación do informe favorable.

Declaración do alcalde sobre o PXOM

Correccións en relación con elementos arqueolóxicos

No mesmo sentido, dende a Xunta apuntan que tendo en conta que moitas das correccións técnicas solicitadas gardan relación con elementos arqueolóxicos e culturais, “que xa foran indicados no informe correspondente emitido na fase previa”, á reunión asistirá tamén a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez.

Así, “unha vez corrixida e completada a documentación por parte do Concello, o Goberno galego estará en disposición de emitir o seu informe preceptivo previo á aprobación definitiva do PXOM”.

A xuntanza proposta enmárcase nas “relacións de cooperación, coordinación, asistencia e información que mantén a Xunta coas entidades locais galegas para colaborar na elaboración dos seus respectivos instrumentos urbanísticos e tratar de resolver as posibles diferencias ou atrancos que poidan xurdir ao longo da súa tramitación”.

Negativa da concelleira de Urbanismo

Pola súa banda, este mércores, a concelleira de Urbanismo, María Xosé Caride, desmentiu as declaracións realizadas pola delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortíz, asegurando que no novo Plan Xeral de Ordenación Municipal “non existe ningún recorte á protección e, en particular, nin de Castrelos nin do Castro. Ningún”.

Caride incidía en que todas as proteccións aprobadas pola Xunta están incorporadas no documento urbanístico, e que “se agregaron moitos máis elementos ás catalogacións e, por tanto, ás proteccións patrimoniais”.

A concelleira de Urbanismo detallaba que o Concello inclúe no novo ordenamento17 elementos arqueolóxicos máis; 12 instalacións do noso pasado industrial, e 53 edificios que teñen valor arquitectónico”. Ante estes datos apunta que a situación do PXOM non ten “nada que ver coa desprotección” que sinala a delegada da Xunta.

Todos os elementos que podían estar incorporados ao Plan Xeral, foron engadidos

Caride insiste en que “todos os elementos que teñen criterios obxectivos para poder ser incorporados a un catálogo foron engadidos” e que, dentro da autonomía local, catalogáronse “bastantes que teñen elementos subxectivos”, mentres se viu que outros non reúnen os requisitos. Recomenda á Xunta que, “se determina que hai un valor patrimonial nalgún destes elementos, que abra un expediente que o catalogue e, inmediatamente, o Concello de Vigo incorporarao ao seu plan xeral, pero o Concello non pode facer o traballo que lle corresponde á administración galega”.

A conselleira de Urbanismo censura que dos 28 informes que tivo o PXOM de Vigo, a Xunta só destaca un “dicindo que puidese ter algún problema, que vemos que na realidade non é certo”.

Caride lamenta que a delegada da Xunta non aproveitase a súa intervención pública sobre o PXOM para anunciar a convocatoria da reunión coa directora xeral de Ordenación do Territorio solicitada polo alcalde Abel Caballero para aclarar o contido do informe remitido ao Concello este luns, e para “cambiar a estratexia de abandono á cidade de Vigo e apostar por colaborar coa cidade de Vigo, como debería e é a súa obrigación”.

A concelleira de Urbanismo fala sobre o PXOM e a actitude da Xunta

“Posición antiVigo de Rueda”

Tanto para o alcalde, como para a súa concelleira de Urbamismo, a actitude da Xunta evidencia “a posición anti Vigo de Rueda e de todos os que forman parte da súa estratexia de abandono e discriminación á cidade”. Abel Caballero censura que “a primeira medida como presidente electo, cinco días despois das eleccións, a paralización do PXOM de Vigo sen explicar as motivacións”.

María José Caride subliña o feito de que, en relación co PXOM, “Vigo é o único concello de Galicia onde a administración galega non vai investir nin un só euro en infraestruturas viarias. Un caso excepcional”

También te puede interesar