Deportes

A Deputación mantén aberto ata o martes 27 o prazo para inscribirse nos ‘Campamentos A Lanzada 2024’

Oferta 1.540 prazas para rapaces nados entre 2011 e 2016

A Deputación mantén aberto ata o martes 27 o prazo para inscribirse nos 'Campamentos A Lanzada 2024'

Última semana para solicitar praza nos Campamentos A Lanzada 2024 que, este ano, terán lugar entre o 23 de xuño e o 7 de setembro nas instalacións que a Deputación de Pontevedra ten no Grove.

Mozas e mozos nados entre 2011 e 2016

Así, ata o vindeiro martes 27 de febreiro poderá solicitarse unha das 1.540 prazas ofertadas para gozar do programa de lecer no que os rapaces realizarán un amplo abano de actividades. Os campamentos distribuiranse en once quendas de sete días de duración cada unha (de domingo a sábado) e están dirixidos a mozas e mozos empadroados nalgúns dos concellos da provincia nados entre os anos 2011 e 2016, ambos incluídos.

Once quendas

A primeira das quendas dos Campamentos A Lanzada comezará o 23 de xuño, e desenvolverase ata o 29 dese mesmo mes. As restantes terán lugar entre o 30 e o 6 de xullo; do 7 ao 13 de xullo; o 14 e o 20 de xullo; do 28 de xullo ao 3 de agosto; o 4 ao 10 de agosto; o 11 ao 17 de agosto, do 18 ao 24 de agosto; o 25 ao 31 de agosto, e o 1 ao 7 de setembro, se ben a duración da derradeira quenda estará condicionada á data de comezo do curso escolar 2024-2025 que publicará a Xunta de Galicia proximamente.

140 nenas e nenos en cada unha

En cada unha das quendas participarán 140 nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210
estarán reservadas para menores en situación ou risco de exclusión social
e as 1.330 restantes
adxudicaranse por procedemento xeral.

O prezo destas últimas prazas é de 110€, que serán 80€ no caso de que sexan menores de familia numerosa ou monoparental, mentres que a Deputación asumirá o 100% do prezo das prazas destinadas á inclusión social dos cativos da provincia.

Solicitudes

A solicitude de prazas pode realizarse a través da sede electrónica da Deputación (https://sede.depo.gal) e, ao igual que en anos anteriores, serán adxudicadas por sorteo.

Centro de Vacacións da Lanzada

No Centro de Vacacións da Lanzada os cativos participarán dun amplo programa de actividades entre as que destacan as deportivas no propio campamento (deportes alternativos, tiro con arco, orientación, carreira de obstáculos); na praia (bodyboard, snorkel ou xogos de praia); actividades circenses (malabares, clown ou equilibrios); de coñecemento do medio; excursións a lugares como o Monte da Siradella ou a Illa de Ons; obradoiros; xogos ou veladas.

Toda unha semana completa de lecer que rematará coa gran festa final, na que, ademais, se seleccionará a mascota do grupo entre as que crearán todos os cativos.

También te puede interesar