O candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou onte en Vigo, acompañado pola preesidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, que ten «ganas de gañar» e non polo mero feito de acadar o triunfo, senón porque é consciente do «moito que hai en xogo» e porque quere que Galicia poida seguir o seu propio camiño sen escusas nin impedimentos.
Galicia «con voz propia en España»
Explicou que quere unha Galicia na que non sexa necesario «separar aos galegos entre bos e malos en función do que pensan», para defender a súa identidade e ter «voz propia en España» e, do mesmo xeito, unha Galicia que «siga sendo como é sen que ninguén nos diga como temos que ser».
Minorías que queren impoñerse á maioría
Referiuse así á «esas minorías que queren impoñerse á maioría coa complicidade dun PSOE ao que lle da igual quen goberne Galicia« e fixo un chamamento aos votantes socialistas «desencantados, alucinados e descontentos porque non recoñecen ao que foi o seu partido«.
«A todos eses votantes do PSOE que non entenden a renuncia aos seus principios só para que o seu xefe de filas siga no seu asento, que senten que as cousas poden ser doutra maneira e que non queren separatismos en Galicia, dígolles que poden confiar en nós«, afirmou reivindicando que quere seguir sendo «o presidente de todos e cada un dos galegos».
«Sentidiño e sensatez»
Ante unha audiencia dunha 1.000 persoas, Alfonso Rueda ofreceuse para «seguir gobernando con sentidiño e sensatez, sen crear problemas novos e sen perder o tempo en discusións» e reivindicouse como bo xestor porque «xa hai de sobra na esquerda xente que non xestiona, que inventa un problema para cada solución e que só entende a política desde a crispación e o enfrontamento».
Asegurou que este domingo «hai que elixir entre a unión fronte a ruptura, entre as solucións fronte aos problemas e entre o cumprimento da palabra dada fronte aos quen farán todo o que dixeron que non farían e renunciarán a todo o que dixeron que non renunciarían«.
«Ver o que fixemos e mirar cara adiante»
«O partidismo non leva a nada, pero a experiencia si«, engadiu facendo un chamamento a «ver o que fixemos entre todos, mirar cara adiante e superarnos a nós mesmos». Por iso, na recta final da campaña, o líder populares galegos remarcou que non vai renunciar a seguir facendo balance de todo o feito e a seguir facendo propostas onde outros só fan descualificacións.
Apostou así por seguir axudando ás familias con medidas como a gratuidade das escolas infantís ou das primeiras matrículas universitarias, por seguir mellorando a sanidade pública e por «tomar medidas desde o primeiro minuto».
Imposto de sucesións
Comprometeuse así a que nos seus primeiros 100 días de goberno rebaixará o imposto de sucesións aos herdeiros colaterais, permitirá que as mulleres que queiran optar pola fecundación in vitro poidan facelo ata os 45 anos e poidan ademais conxelar os seus óvulos sen necesidade de ter ningunha patoloxía, continuará completando o calendario de vacinación infantil e comezará a ampliación do parque de vivenda pública.
Seguirá apostando así mesmo por mellorar as infraestruturas de Galicia con feitos e non, como fan outros, «baixando dun tren cos Reis Magos, nin bicando locomotoras, nin escusándose en estudos medioambientais e publicacións no BOE para ocultar a súa inacción».



