Galicia

O BNG cré que o tren de proximidade Vigo-Pontevedra pode ser unha realidade en 2 anos

Ademáis de incluir o enlace con Porriño e a liña Vigo-Condado

O BNG cré que o tren de proximidade Vigo-Pontevedra pode ser unha realidade en 2 anos

“O goberno do BNG na Xunta será o goberno do tren e esta será a lexislatura do tren en Galiza”. Ese foi o compromiso do cabeza de lista do Bloque Luís Bará trasladou hoxe en Vigo a representantes sindicais do sector ferroviario nun encontro no que tamén avogou pola posta en marcha dun ferrocarril de proximidade (incluíndo a liña Vigo-Condado), acreación do Galtrén e a asunción das competencias do Estatuto, a mellora de infraestruturas e servizos, e pola axilización da conexión Vigo-Porto como un proxecto estratéxico e prioritario, a través da saída sur.

Así, Bará garantiu que o BNG ten unha aposta decidida polo tren como un modo de mobilidade sustentable, saudable e seguro, “chave dende o punto de vista económico, ecolóxico e social para loitar contra a emerxencia ambiental, a descarbonización do transporte, e para apostar pola conectividade e a competitividade da economía, vertebrar o territorio e avanzar na cohesión”. Subliñou que hai que poñer
fin a un “período de ermo do PP na Xunta que nin tivo ningunha política para tren nin ningún investimento na materia”.

O Bloque anunciou a creación dun ‘Departamento de ferrocarril’ na Xunta co que o goberno galego poderá empezar a abordar a construción de infraestruturas no país e tamén a xestión da rede ferroviaria interna, o que se denomina ‘Galtren’, tal e como está previsto no Estatuto. Salientou Bará a importancia deste departamento para realizar estudos de novas infraestruturas, de necesidade de medios e melloras para as persoas usuarias, así como da intermodalidade e interoperabilidade dos modos de transporte.

Tren de proximidade en Galiza

Negociarase desde a Xunta co goberno central, destacou Bará, a creación do servizo de proximidade en Galiza, unha necesidade do país e un compromiso asumido polo goberno central no pacto de investidura co BNG para salvar a discriminación do país con respecto a outras comunidades, como veciña Asturias, onde existe este servizo dende hai moito tempo funcionando de maneira exitosa. Asegurou que o servizo de proximidade podería estar en funcionamento en dous anos nas grandes zonas urbanas.

Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo

Marcou en xeral como obxectivo de lexislatura poñer en marcha o servizo de proximidade na área Coruña-Ferrol e Pontevedra-Vigo por concentración dinamismo e poboación, pero tendo tamén en conta a liña derivada de Vigo-Condado para dar servizo aos parques empresariais como a Plisan, e tamén ao complexo industrial empresarial da zona do Porriño, “claramente unha realidade laboral que tería unha atención perfecta por tren”, dixo Bará.

Vigo-Porto

Salientou a conexión Vigo-Porto e a saída sur como proxecto estratéxico e fixo fincapé, ademais, en que xa neste momento se pode aproveitar a infraestrutura para un servizo de proximidade cara Portugal sen grandes investimentos. Lembrou que entre Porto-Valença hai 12 servizos diarios fronte aos dous entre Porto-Vigo, “algo que se pode corrixir facilmente e crear un servizo que sementaría a dinámica de usar o tren nese eixo”.

Con respecto á saída sur e o tren Vigo –Porto, Bará avogou por “poñer as pilas” ao goberno central xa que Portugal colleu a dianteira e está lanzando os primeiros proxectos da liña que comunica Lisboa con Porto e facendo trámites coa liña de Porto- Braga-Valença e “aquí estamos aínda no cuarto ou quinto estudo informativo”, tendo investido 5 millóns de euros “sen que haxa nada”. “É hora xa de axilizar todos estes proxectos para que sexan unha realidade, incluso tamén con fondos europeos, consideramos que no prazo de 2030, que é o que está a manexar o goberno portugués e non podemos ir por detrás de Portugal nesta materia”.

Bos prezos

Finalmente, Bará destacou que todas as melloras deben ir apoiadas nos bos prezos para que o tren sexa máis atractivo para a cidadanía.A xente súmase ao tren. Se nestas liñas con potencial demanda hai prezos reducidos vaise captar moitas persoas usuarias, xa que reducir custos en transportes é fundamental para as persoas traballadoras”, salientou.

También te puede interesar