Comarcas

Salceda cambiará todo o seu alumeado para aforrar máis dun 60% no recibo da luz

Investirá 1,4 millóns financiados polo IDAE

Salceda cambiará todo o seu alumeado para aforrar máis dun 60% no recibo da luz

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle xa a apertura da licitación do proxecto de renovación do alumeado público exterior no Concello de Salceda de Caselas, con un orzamento de 1.398.731,82€. O proceso de presentación de ofertas estará aberto ata o vindeiro 26 de febreiro.

Este importante proxecto está financiado na súa totalidade por fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), constituíndo deste xeito a maior subvención da historia de Salceda.

Renovación de 2.780 puntos de luz

Trátase dunha actuación integral no rural a fin de conseguir unha infraestrutura de alumeado segura e eficiente enerxeticamente, para o cal se levará a cabo unha renovación dos 53 cadros e dos 2.780 puntos de luz existentes nas parroquias do municipio, co que se conseguirá reducir o consumo de enerxía en máis dun 60%. A reforma levarase a cabo durante este ano 2024.

Diminución do impacto ambiental

Pars Marcos Troncoso, Concelleiro de Axenda Ecolóxica, este investimento “supón un fito para o
noso Concello, porque ademais de conseguir a renovación completa da rede de alumeado público
e o impacto indubidabelmente positivo que isto suporá en canto a aforro enerxético e económico,
implica tamén un paso adiante en termos de sostibilidade e no compromiso deste Concello por
diminuír o seu impacto ambiental e contribuír na mitigación do cambio climático”
.

Reforma con ‘custe cero’ para as veciñas e veciños

Pola súa banda, Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda, asegura que “este proxecto é o resultado do traballo de moita xente ao longo destes últimos anos, que hoxe por fin se fai realidade. Estamos a falar da maior subvención da historia do noso Concello, que nos vai permitir acometer unha reforma fundamental a custe cero para as arcas municipais.

También te puede interesar