Destacados Vigo al minuto

Denuncian listas de espera no SAF de Vigo pese a contar con horas de servizo dispoñíbeis

Ademáis se reduciu en 121 o número de persoas usuarias

Denuncian listas de espera no SAF de Vigo pese a contar con horas de servizo dispoñíbeis

O Bloque Nacionalista Galego denuncia listas de espera no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Vigo pese a que conta con horas de servizo dispoñíbeis. Así o alertou o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, que urxe ao Goberno de Abel Caballero a corrixir esta situación pola que se reduciu o número de persoas usuarias en 121 dende o ano anterior. Isto provocou, subliña Igrexas “que moitas familias reciban menos asistencia da necesaria”.

“O SAF é un recurso da máxima importancia, absolutamente vital para moitas familias, para garantir desde o público os coidados que precisan as persoas maiores e dependentes, destacou o portavoz do Bloque. Así, reiterou a demanda do BNG de alargar este servizo, tanto no número de persoas beneficiarias como na carteira de servizos para “mellorar as súas condicións de vida”.

De 1.339 persoas a 1.218

Igrexas espuxo esta situación na Comisión Informativa de Benestar Social e no último Pleno municipal. “Non podemos entender a situación que se está a vivir no SAF de Vigo, que pasou das 1.339 persoas usuarias do ano pasado a 1.218”, cuestionou o portavoz do Bloque. Ao seu xuízo é “incomprensíbel” que nos últimos meses o saldo entre altas e baixas no servizo sexa negativo. Aliás, advertiu dos numerosos atrancos administrativos para aquelas persoas que teñen recoñecido o grao 1 de dependencia.

“O Goberno de Abel Caballero ten que actuar xa para corrixir esta situación e garantir que o SAF funciona na nosa cidade a pleno rendemento prestando a totalidade da súa capacidade de atención”, demandou Igrexas.

Incrementar un 66% os recursos

Dende o BNG enmarcaron esta demanda no seu compromiso “firme e rotundo” de reforzar o SAF a nivel galego. Nese sentido, o portavoz municipal lembrou a proposta realizada pola candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, de incrementar nun 66% dos recursos que o Goberno galego destina ao cofinanciamento deste servizo. “Para garantirmos que os concellos reciban 20 euros por hora de servizo fronte aos raquíticos 12 euros actuais, dixo.

Precariedade laboral

Uns recursos “insuficientes” que, a xuízo do Bloque, son unha das causas da “brutal precariedade laboral” que padecen as e os traballadores do SAF. “Fronte ao modelo do PP que converte o coidado das persoas maiores e dependentes nun negocio das súas empresas amigas, un Goberno galego liderado polo BNG a partir do 18F porá as persoas no centro, facendo dos coidados unha tarefa pública e garantindo o dereito a unha vellez digna”, remachou Igrexas.

También te puede interesar