Galicia

A Xunta decide que a máscara xa non sexa obrigatoria nos centros sanitarios

Mantense en Urxencias, PACs e servizos con pacientes inmunodeprimidos

A Xunta decide que a máscara xa non sexa obrigatoria nos centros sanitarios

A Xunta emitirá este luns, día 29, unha instrución que se fará efectiva o martes 30, para que o uso xeral da máscara deixe de ser obrigatorio nos centros sanitarios. Así limitará o seu uso aos servizos de urxencias, aos PACs e aos servizos nos que haxa pacientes inmunodeprimidos.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantou este decisión na súa visita ao Punto de Atención Continuada do Val Miñor, en Nigrán, onde estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente Prieto.

Baixada da incidencia da gripe

Tal e como recolle o último informe da vixilancia da gripe en Galicia, referido á semana que rematou o 21 de xaneiro, e que periodicamente elaboran os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o nivel de intensidade desta patoloxía é baixo, destacando que a taxa de consulta en Atención Primaria no conxunto de Galicia diminuíu un 47% respecto da semana anterior. Este descenso observouse nas catro provincias galegas.

O informe dos expertos de Saúde Pública tamén reflicte que a taxa de consulta diminuíu en todos os grupos de idade.

Polo que atinxe á positividade das mostras estudadas, situose ao redor do 10%, o que “supón un claro descenso respecto da semana anterior, que era do 20,1%”. Neste último informe sinálase que, na semana que rematou o 21 de xaneiro, notificouse o ingreso de 103 persoas por gripe, o que representa un 63% menos que a semana previa. No que vai de temporada de gripe, notificáronse 3.071 ingresos, e deles un total de 161 estiveron na UCI.

Respecto da Covid, o número de casos activos é de 508, dos que 7 están na UCI e 113 en unidades de hospitalización.

También te puede interesar