Comarcas

O Concello de Ponteareas consensúa cos afectados as alegacións ao proxecto da N-120

O mesmo inclúe a expropiación dunha vivenda habitada por unha familia

O Concello de Ponteareas consensúa cos afectados as alegacións ao proxecto da N-120

O Concello de Ponteareas consensúa coa Plataforma de Persoas Afectadas as alegacións que se presentarán ao proxecto de mellora da seguridade viaria da N-120, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. Así, o Goberno municipal de Nava Castro mantivo unha reunión cos veciños e coas veciñas na que comprobaron que o documento inclúe a expropiación de dúas vivendas, unha delas habitada por unha familia.

Durante a xuntanza, que tivo lugar o pasado venres 19 de xaneiro, o Goberno local e os afectados examinaron o documento que vén de publicar o Goberno central no Boletín Oficial do Estado e acordaron presentar diversas alegacións. O obxectivo é impedir que se leve a cabo a demolición da propiedade que está habitada por unha familia, ademáis de buscar unha solución que garanta a execución das obras que dan resposta ás demandas dos veciños e das veciñas das parroquias polas que discorre a estrada.

Seguen as reunións informativas

O equipo de goberno continuará informando sobre o proxecto do Ministerio de Transporte e Mobilidade Sostible o próximo luns 29 nunha reunión que se celebrará no Centro Cultural de Xinzo a partir das 20:00 horas. De igual xeito, o documento está exposto no edificio do Concello polo que calquera persoa pode examinalo e presentar as súas alegacións.

Dende o Concello congratúlanse de que o Goberno central publique este documento de mellora da seguridade viaria da N-120, “logo de anos de reclamacións“. Con todo, “lamenta a tardanza á hora de dar cumprimento ás necesidades da veciñanza posto que, segundo os prazos do Ministerio, a licitación da obra debería estar lista desde o pasado mes de novembro”. Ademais, o executivo local amosa a súa preocupación sobre a construción da variante que conectará a N-120 coa A-52. O Ministerio non aportou ningún tipo de avance nesta materia.

Da man coas veciñas e veciños

A concelleira de Urbanismo, Silvia Fernández, indicou que “iremos da man dos veciños e das veciñas para conseguir que o Ministerio modifique este proxecto de mellora de seguridade viaria na estada para impedir que se leve a cabo a expropiación dunha vivenda que está habitada por unha familia”. Incidiu en que “as obras deben estar en consonancia coa contorna e coas características do terreo polo que discorre a Nacional 120”.  

También te puede interesar