Comarcas

Porriño contará con dúas novas escolas infantís

Unha na parroquia de Pontellas e a otra na de Budiño

Porriño contará con dúas novas escolas infantís

O Concello de Porriño contará no vindeiro curso con dúas escolas infantís máis, que se suman ás outras dúas xa existentes, unha no casco urbano e outra en Torneiros. As novas localizaranse nas parroquias de Pontellas e Budiño e suporán unha inversión de máis de 1,4 millóns de euros.

A administración local vén de recibir unha subvención da Consellería de Política Social e Xuventude de 816.466 euros para a creación de 132 prazas de Educación Infantil de 0 a 3 anos. A cantidade restante achegaraa o Concello con fondos propios.

Moi demandado

“Trátase dun servizo moi demandado no noso municipio dende hai anos. O incremento da poboación leva consigo tamén a necesidade dunha maior oferta neste aspecto”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo. “Agora, coa posta en marcha destas dúas novas escolas antes de que remate o ano, daremos resposta a esa gran demanda das familias porriñesas”.

Rehabilitación e ampliación da antiga escola de Pontellas

Asi, a escola infantil de Pontellas estará situada no lugar da Igrexa, na antiga escola unitaria desta parroquia. De aí que o anteproxecto presentado fundaméntase na rehabilitación e ampliación desta edificación xa existente, para albergar así as cinco aulas; vestíbulo; oficina; sala multiusos; aseos; vestiario; despensa e cociña. No exterior haberá un patio e unha zona de xogos.

A superficie construída é de 442,56 m2, dentro dun solar cunha superficie bruta total de 4.321,98m2.

A proposta formula unha intervención respectuosa co edificio existente, que pretende poñelo en valor e sacar o máximo partido do espazo existente cun novo uso que o fai rexurdir. O orzamento total para esta actuación ascende a 641.784 euros.

Espazo de transición entre dous mundos

Doutra banda, a escola infantil localizada na parroquia de Budiño será totalmente de nova construción. Levantarase nun solar cunha superficie total de 2982,41m2, que na actualidade se atopa sen edificar. A parcela sitúase na zona do polígono das Gándaras, nunha área de transición entre a industria e o núcleo rural adxacente, así pois como se recolle no anteproxecto a nova edificación preséntase como “un espazo de transición entre dous mundos”.

Un bosque

No espazo entre a escola infantil e a última nave proponse plantar un bosque que funcione como colchón entre industria e equipamento. A edificación organízase en dúas naves lonxitudinais: a nave norte albergará tres das aulas e o acceso principal, e a sur os equipamentos xerais; sala multiusos; un patio exterior e tres aulas. A superficie ocupada será de 513,10m2.

O orzamento total neste caso é superior ao anterior, chegando aos 760.182,50 euros.

También te puede interesar