Destacados Vigo al minuto

As asociacións veciñais de Vigo poden solicitar xa á Deputación axudas de ata 10.000€

Ata o vindeiro 29 de febreiro

As asociacións veciñais de Vigo poden solicitar xa á Deputación axudas de ata 10.000€

As asociacións veciñais porden solicitar xa as axudas da Deputación. Este xoves, na sede de Vigo, o presidente do organismo provincial, Luis López, e a vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, presentaron o programa ‘Provincia Comunitaria’, dotado cun orzamento de 1 millón de euros. O mesmo súmase a un investimento similar, o ‘Plan +Aqua’, dirixido ás comunidades de augas.

Vigo, “fervedoiro do movemento veciñal”

Na súa intervención, Fernández-Tapias cualificou de “imprescindible” este programa, aínda máis na nosa cidade, considerando que Vigo é o “fervedoiro do movemento veciñal de toda Galicia”. Fernández-Tapias subliñou que o Plan Provincia Comunitaria é unha “ferramenta esencial para garantir a supervivencia e o dinamismo das entidades e asociacións veciñais”.

Asi, referiuse a elas como “claves” para o desenvolvemento da provincia ao estar “día a día en contacto coa cidadanía, traballando para fomentar a súa participación social, ofrecéndolles un amplo abano de actividades de índole formativo, deportivo, social ou cultural”.

Recuperar a cooperación veciñal

Nesta mesma liña, o presidente asegurou que “tiñamos claro, cando iniciamos a nosa andadura na Deputación, hai medio ano, que era fundamental emendar a inxustiza que supuxo a desaparición do Plan de Acción Comunitaria e que era unha obriga recuperalo”.

A Deputación –engadiu Luis López – tiña unha débeda cos colectivos veciñais, entidades clave no equilibrio territorial. “Entendemos que non poden, nin deben, permanecer ao marxe xa que estamos a falar de entidades que contribúen a construír unha provincia máis avanzada, máis participativa, máis cohesionada”.

Por estes motivos, “impulsamos o Plan Provincia Comunitaria, para potenciar a vosa capacidade e contribuír á implantación homoxénea das entidades veciñais en todo o territorio”. López salientou que “apostar por vós é apostar por mellorar a contorna dos concellos e a calidade de vida das persoas que aquí viven.

De 6.000 a 10.000 euros

Precisamente, a estes colectivos se dirixen os recursos do plan que permitirá que as asociacións de veciños; confederacións; federacións; unións ou asociacións de mulleres rurais con domicilio fiscal na provincia se beneficien de contías que abranguen entre os 6.000 e os 10.000 euros.

Estas axudas da Deputación servirán para adquirir equipamentos (mobiliario, dispositivos informáticos, acústicos ou audiovisuais para desenvolver o seu traballo); executar obras de acondicionamento; reforma e ampliación de locais sociais, infraestruturas, todas elas, nas que desenvolven a súa actividade.

Prazo aberto ata o 29 de febreiro

O prazo para solicitar as axudas do Plan Provincia Comunitaria remata o 29 de febreiro e as obras deberán estar rematadas en novembro. “Estou seguro que tendes xa moitas ideas enriba da mesa nas que traballar”, asegurou o presidente.

Luis López amosou, unha vez máis, “a vontade de tender pontes para avanzar na construción dunha provincia con máis futuro”. “Todos –engadiu- compartimos este obxectivo, que non é outro que impulsar un espazo común, como é a provincia, cheo de oportunidades e de prosperidade. Agardo que agora compartamos tamén esforzos para que este obxectivo sexa, máis pronto que tarde, unha realidade”.

Te podría interesar