Cultura

A Sede de Vigo da Deputación acolle desde o 18 de xaneiro as exposicións de Rosendo Cid e David Fidalgo Omil

Poden visitarse ata o 1 de marzo

A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle a partir do vindeiro xoves, 18 de xaneiro, unha dobre exposición que encherá de arte as salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo. Desta maneira, a primeira acubillará a mostra “Máis alá De Catro a catro”, de Rosendo Cid, e a segunda “Love”, de David Fidalgo Omil. Ambas as dúas exposicións poderán visitarse ata o día 1 de marzo.

“Máis alá De catro a catro”

É un proxecto de intervención sobre o poemario de Manuel Antonio “De catro a catro”, co que Rosendo Cid intenta extraer “novos poemas”, nun sentido plástico, e obxectualizar cada unha das dezanove pezas que conforman esta obra. Faino desde un punto de vista vangardista, influído polo manifesto redactado por Manuel Antonio en 1932, “Máis alá”, e tratando de amosar ao público non só a transcendencia da obra do poeta de Rianxo, senón tamén un modo diferente de achegarse á súa escrita e á arte e á literatura en xeral como construción mutua.

Rosendo Cid

Rosendo Cid (Ourense, 1974), é un artista e escritor que traballa varios medios, coma a fotografía, a colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou son parte fundamental destes. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, prologou diversos catálogos de arte e comisariou exposicións, ademais de expor regularmente desde o ano 2000. Entre as súas últimas mostras individuais destacan “Todo aquilo que sucede e con todo non é”, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2021); “La duda es el único estado posible”, na galería Nordés (2018); ou “Fe de erratas”, na Fundación RAC (2017).

‘Love’

A segunda exposición na sede da Deputación é “Love, na que David Fidalgo establece unha reflexión sobre o clixé do amor verdadeiro na televisión. O artista leva anos producindo obras de animación sobre a sociedade que amosan a televisión e as redes, desde un punto crítico e irónico, a través do concepto do meme e do absurdo. Nesta mostra, Fidalgo convida aos asistentes a presenciar esta telerrealidade a través do retrato absurdo dos personaxes que a habitan e que, dunha maneira humorística, esconden unha imaxe da sociedade perturbadora.

David Fidalgo

David Fidalgo (Lugo, 1989), tamén graduado en Belas Artes en Pontevedra e cun máster en Álbum Ilustrado e Animación, compaxina as súas dúas paixóns, o cine e a arte, como realizador de animación a nivel nacional cun carácter e estilo moi persoais. Coas súas curtas de animación “Cartas a Superman”, “Homomaquia” e “Sandwich Cat” leva anos participando en festivais de cine de todo o mundo. Tamén formou parte de varias exposicións como “Cultivando incertezas”, no Centro Galego de Arte Contemporáneo ou “A costela de Adán”, na Galería Dupla de Santiago.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.