Comarcas

Mos recrimina a Unión Fenosa os constantes cortes de luz durante as obras de mellora da rede eléctrica

O Concello lamenta que a compañía non dea solucións

Mos recrimina a Unión Fenosa os constantes cortes de luz durante as obras de mellora da rede eléctrica

A Coporación Municipal de Mos apoiou por unanimidade, na última sesión plenaria deste ano 2023, unha moción presentada poloGoberno sobre a deficiente xestión de Unión Fenosa nas obras de mellora da rede eléctrica.

Todos os grupos rexeitaron as “averías e fallos constantes no subministro eléctrico”, que nos últimos días foron reiterados. Os devanditos incidentes afectan aos veciños de diferentes parroquias, especialmente ás de Mos, Guizán, Torroso, Dornelas e Pereiras, que veñen sufrindo “diversos e continuados cortes no subministro”. Ás mesmas súmanse “incidencias periódicas producidas por estas obras, ou ben, como pouco, deficiencias na liña eléctrica que lles impiden desenvolver con comodidade e confort o día a día nos seus fogares”.

Colaboración dende o Concello

É por elo que desde o Concello pónse a disposición dos afectados un servizo de atención persoal no departamento Municipal de Medio Ambiente e un teléfono e un correo electrónico para notificar averías e canalizar queixas que posteriormente se lle trasladarán conxuntamente á empresa: o número de teléfono é o 986 09 70 37 e o enderezo de correo electrónico [email protected] Así mesmo as persoas que o desexen poden reclamar tamén directamente no departamento de Atención ao Cliente de UFD.

Negocios

Neta liña, a Corporación constatou que non só é a veciñanza a afectada, senón que tamén “se fai extensivo o agravio a negocios que teñen que pechar a porta por non ter servizo, cos conseguintes danos materiais e perxuízos”. Estes danos van dende “equipos eléctricos e electrónicos que se averían ou a perda de alimentos conxelados xustamente nestas datas onde moitos veciños fan acopio para estas festas do Nadal”.

O Concello lamenta que “UFD non dea solucións ás múltiples peticións realizadas dende a Concellería de Eficiencia Enerxética.  Ademais, declara que xa é insostible a situación de horas de cortes diarios de subministro sen dar ningún tipo de solución ou alternativa”. Con esta moción preténdese polo tanto esixirlle a UFD o inmediato restablecemento da normalidade no subministro de enerxía eléctrica ás familias e empresas. Que poñan en práctica medidas e garantías para que non se produzan feitos similares nas seguintes semanas durante os seguintes traballos de mellora de liña. Que se fagan cargos tanto dos desperfectos materiais en vivendas particulares como nas empresas, así como de equipos eléctricos e doutros bens derivados da falla de enerxía. E que asuman as posibles indemnizacións polas perdas nos comercios e empresas afectados polos cortes de subministro.

También te puede interesar