A Unidade de Hipertensión Pulmonar do Cunqueiro, única de Galicia que desenvolve un programa de Anxioplastias

Coordinado por especialistas en pneumoloxía e cardioloxía

A Unidade de Hipertensión Pulmonar do Cunqueiro, única de Galicia que desenvolve un programa de Anxioplastias

A Unidade Multidisciplinar de Atención á Hipertensión Pulmonar do Álvaro Cunqueiro é a única de Galicia que desenvolve un programa de  Anxioplastias para o tratamento de HTP tromboembólica crónica.

Así, a Hipertensión Pulmonar, incremento de presión nas arteiras pulmonares, é unha patoloxía pouco frecuente, unha das chamadas “enfermidades raras”, polo que a súa atención require dun traballo multisdiciplinar. Neste senso, a Unidade Multidisciplinar de Atención á Hipertensión Pulmonar está coordinada por especialistas en pneumoloxía e cardioloxía, e tamén conta coa colaboración dos servizos de medicina interna, reumatoloxía, hemodinámica, farmacia, radioloxía e médicos de atención primaria xunto co persoal de enfermaría.

Nesta consulta atenden a 150 pacientes anuais, das áreas sanitarias de Vigo e Ourense. O síntoma máis común que presentan os pacientes e a dispnea (falta de aire).

Patoloxías cardíacas e pulmonares

A HTP Está producida por múltiples causas, aínda que as máis frecuentes son as patoloxías cardíacas e pulmonares. Aínda que existe un tipo de HTP que é curable, na maioría dos casos é unha enfermidade crónica. Sen embargo, a día de hoxe existen moitos tratamentos farmacolóxicos que melloran  a calidade de vida e a supervivencia destes pacientes.

Anxioplastia, técnica hemodinámica

Hoxe, a Unidade de Hemodinámica do servizo de Cardioloxía do Álvaro Cunqueiro é a única en Galicia, e unha das poucas de España, que está empregando unha técnica, Anxioplastia con balón das arterias pulmonares, nos pacientes con HTP tromboembólica crónica, para o tratamento desta enfermidade.

Trátase na introdución, a través dun catéter, dun balón para romper e eliminar  os trombos das arterias. Este procedemento solo está indicado naqueles pacientes cun tipo determinado de HTP, a  tromboembólica crónica. De feito, desde que se puxera en marcha este programa, hai un ano, levan realizado 26 procedementos deste tipo a 6 pacientes,  cuns resultados moi satisfactorios.

I Xornada no Álvaro Cunqueiro

Precisamente, os servizos de Pneumoloxía e Cardioloxía acaban de organizar unha xornada científica no Álvaro Cunqueiro para realizar unha posta en común da abordaxe integral e atención a esta enfermidade que se realiza na Área Sanitaria de Vigo, desde  o punto de vista epidemiolóxico, de tratamento e da xestión da atención ao paciente.

Nesta xornada, a pneumóloga María Castro e  o cardiólogo David Dobarro presentaron un balance de actividade da Unidade e das posibilidades de desenvolvemento da mesma.

También te puede interesar