Destacados Vigo al minuto

Vigo, epicentro do audiovisual estatal

O vindeiro 20 de xaneiro, a través de Conecta+

Vigo, epicentro do audiovisual estatal

Marta Fernández-Tapias vén de anunciar que Vigo se converterá no epicentro do audiovisual estatal o vindeiro 20 de xaneiro. Farao a través da xornada Conecta+, un evento no que as principais produtoras, plataformas e creadoras de contido do Estado debaterán e intercambiarán experiencias con creadores audiovisuais galegos.

A vicepresidenta da Deputación sinalou que as persoas interesadas en participar nesta actividade poderán formalizar dende hoxe mesmo e ata o 5 de xaneiro a súa inscrición a través da web da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA).

Conecta+

Conecta+ enmárcase na iniciativa Conecta Lab, un programa impulsado pola Deputación de Pontevedra xunto con CREA, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais, DAMA, para acompañar, impulsar e promover seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección.

Cinco destes proxectos daranse a coñecer a comezos de xaneiro entre as máis de 200 persoas que se presentaron á convocatoria do programa, aberta a finais de outubro e pechada o 30 de novembro. O sexto será elixido polas produtoras e creadoras de contidos entre os participantes inscritos na xornada Conecta+ que acollerá a sede da institución provincial en Vigo o 20 de xaneiro.

“Temos un grande potencial no audiovisual”

Destacou Fernández-Tapias, “e queremos seguir dando pasos cara adiante porque sabemos que apostar por este sector, que tantas alegrías nos dá, é tamén apostar pola provincia, para que vaia a máis”. Neste eido, a vicepresidenta subliñou a boa acollida da convocatoria do programa Conecta Lab, con máis de 200 proxectos presentados, un 40% deles liderados por mulleres e un 30% en lingua galega, que son a proba real de que nesta provincia hai un gran talento creativo ao que debemos e queremos apoiar dende a Deputación”.

O laboratorio creativo na Illa de San Simón

Tapias adiantou, ademais, que entre o 19 e o 29 de abril do 2024 a Illa de San Simón acollerá aos seis creadores seleccionados para participar no programa, que traballarán e convivirán nunha residencia e laboratorio creativo a carón de recoñecidos profesionais do audiovisual. “Serán dez días de moito traballo, con clases, xornadas profesionais e encontros transfronteirizos que servirán, ademais, para tender pontes co sector audiovisual do Norte de Portugal”.

Na edición de Conecta Lab que se celebrou este ano participaron profesionais como Óliver Laxe, Álvaro Gago, Iziar Bollaín, Celia Rico, Carlos Marqués-Marcet, Mikel Rueda, L aura Sarmiento e Fernando Franco. “Xa lles podo afirmar –asegurou Fernández-Tapias – que no 2024 os perfís serán similares”.

También te puede interesar