Destacados Vigo al minuto

O BNG denuncia que o Goberno local quere legalizar pola “porta de atrás” os chalés VIP en Cabo Estai

“Para favorecer os intereses particulares dunha coñecida familia”

O BNG denuncia que o Goberno local quere legalizar pola “porta de atrás” os chalés VIP en Cabo Estai

O Bloque Nacionalista Galego denuncia que o Goberno municipal quere legalizar pola “porta de atrás” a urbanización de chalés VIP proxectada a pé de costa en Cabo Estai. Dende o Bloque apuntan que o Goberno de Abel Caballero cambiou a cualificación das parcelas no documento de aprobación provisional do novo PXOM para permitir este “pelotazo urbanístico” a pé de costa, malia a paralización das licenzas por ilegais o pasado abril despois de varias denuncias.

De ‘solo rústico de protección’ a ‘solo urbano consolidado’

Así o fixo público este luns o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que tachou esta recualificación dos terreos de “aberrante e ilegal”, pasando de ser Solo Rústico de Protección de espazos naturais e de costas, no documento de aprobación provisional, a Solo Urbano Consolidado na aprobación provisional, permitindo edificar vivendas de 2 alturas.

“Estamos diante dunha actuación de claro urbanismo á carta, que neste caso podemos dicir urbanismo con nomes e apelidos para favorecer os intereses particulares dunha coñecida familia por riba da protección dun espazo natural e paisaxístico de grande relevancia e do interese público”, criticou Igrexas.

Declaraciones de Xabier P. Igrexas, portavoz municipal del BNG
Explicación da “opacidade na tramitación”

O voceiro nacionalista considerou que este caso evidencia os motivos da “opacidade e da tramitación na escuridade dos despachos” do novo PXOM. “Agora xa entendemos porque a concelleira de Urbanismo, María José Caride, se negou reiteradamente a informar publicamente dos cambios que se ían introducir de cara a aprobación provisional”, afeou. Igrexas lembrou que o Bloque advertiu dende o inicio que “algo cheiraba a podre” nesta obra, na que se permitiu construír un vial ilegal con licenzas que nunca se deberon ter emitido, tal como ditaminou nun informe “demoledor” a Secretaría Xeral do Concello.

Manobras coas alegacións

Sobre a tramitación do novo Plan Xeral, o portavoz municipal do BNG denunciou tamén as manobras do Goberno municipal para dificultar o labor de fiscalización e revisión por parte das forzas políticas da oposición. Neste sentido, alertou de que aínda non teñen acceso completo ás 4.502 alegacións veciñais formuladas unha semana despois de que se entregase o expediente para a aprobación provisional.

Igrexas explicou que, de maneira “absolutamente incomprensíbel”, o Goberno de Caballero entregou un informe co ditame no que unicamente figuran as alegacións cun número de documento, mais sen indicar o contido e ámbito afectados. Anunciou que este martes, no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo no que vai comparecer “por fin” a equipa redactora, o Bloque esixirá explicacións a esta “nova capa de opacidade” na xestión do Plan.

“Advertimos Abel Caballero de que non vai poder contar nin co acordo, nin co apoio, nin co consentemento do BNG á hora de querer impoñer un PXOM que vai pasar á historia como o maior amaño urbanístico da nosa cidade”, remachou. 

También te puede interesar