Cultura

O Porriño acende as luces do Nadal e comeza un programa de actividades que durará todo un mes

O alumeado non se apagará ata o 7 de xaneiro

O Porriño acende as luces do Nadal e comeza un programa de actividades que durará todo un mes

O Porriño viviu onte un dos momentos máis ilusionantes do ano: o acendido do alumbrado de Nadal. Centos de persoas congregáronse aos pés diante do Concello gozaron dun acto no que os usuarios e usuarias de Aceesca foron os protagonistas.

Laura, Marcos, Ana, Poli, Carlos, Paula, Eloy e Alba foron os encargados de premer o botón que iluminou a vila e deu inicio ao Nadal. Xunto a eles tamén estiveron persoas usuarias de Afaga, dos centros de día da vila e da EVD.

Gustaríanos aproveitar este momento para trasladar os desexos das persoas con diversidade”, dixo Laura, “Igualdade, respecto, inclusión, non violencia, autodeterminación, accesibilidade universal, saúde e participación social. En definitiva, queremos unha sociedade diversa onde se respecten a todas as persoas sen ter en conta a súa raza, cor, procedencia, capacidades, orientación sexual etc”. Comentaron antes de desexar a todos unhas felices festas e iniciar a conta atrás xunto aos asistentes que finalizou co prendido das luces.

Programa

Tamén onte coñeceuse o programa de actividades para estas festas que comezan este xoves, día 7, cun obradoiro de decoración de árbores de Nadal; seguirá o sábado 9, en Mosende e Chenlo, co periplo das rondallas polas parroquias. A Rondalla de Pontellas e a Rondalla Sta. Eulalia de Atios visitarán todos os centros culturais as fins de semana.

O domingo 17 a solidariedade chegará ao pavillón municipal da man de Studio57 e o seu Navidance Solidario e o 21 de decembro a Escola de Municipal de Música celebrará o seu Festival de Nadal.

Papá Noel

Non se esquecen no Porriño de facilitarlle a Papa Noel o seu traballo o máximo posible, polo que se organizaron as visitas dos seus axudantes a todos os centros educativos, Aceesca e Centros de día, que se encargarán de recoller as súas peticións. Actuacións infantís, obradoiros, cine para cativos e o tradicional Encontro de Nadal de Corais darán forma as xornadas previas á chegada de Papá Noel, que visitará persoalmente aos nenos e nenas o 24 de decembro na praza do Concello.

Pasada a noiteboa e o día de Nadal, retómanse as actividades o mércores 27 con obradoiros para nenas e nenos a cargo da Academia Bastón.

Festa Pre-Fin de ano

O 30 de decembro chega unha das citas ineludibles do Nadal no Porriño: a Festa Pre-Fin de ano. De novo, os pequenos e pequenas a celebrarán pola mañá e pola noite serán os maiores os que tomen as uvas ao ritmo das badaladas, acompañados polas rondallas da vila, sesións dj´s con Dj Pitty e Dj Samu Pexe, e o Combo Dominicano que non quixo perderse a festa entre outras sorpresas que se farán públicas nos próximos días.

Seguirá o Porriño Peque Fest, o gran festival de inchables e animación para as nenas e nenos do Porriño volverá tomar o pavillón municipal. Desta vez durante tres días, o 2, 3 e 4 de xaneiro. O tren turístico do Nadal permitiravos chegar ao pavillón no transporte acaído para a ocasión.

Cabalgata

A cabalgata de Reis promete sorprender este ano e irá precedida, o día antes, da visita das SS.MM os Reis Magos a todas as parroquias.

O 6 de xaneiro os deportistas calzarán de novo as deportivas para correr a Carreira solidaria de Reis do Concello do Porriño e o día 7 será o intre do punto final a estas festas co tradicional Encontro de Rondallas do Porriño.

También te puede interesar