Galicia

Galicia prohibirá o uso dos teléfonos móbiles nos recreos, comedores e actividades extraescolares

Xa non está permitido nas aulas

Galicia prohibirá o uso dos teléfonos móbiles nos recreos, comedores e actividades extraescolares

O presidente da Xunta anunciou hoxe que en Galicia estará prohibido o uso dos móbiles no tempo de lecer do alumnado nos centros educativos. En concreto, será nos recreos, no comedor, nas entradas e saídas ou as actividades extraescolares. Alfonso Rueda defendeu esta medida para “impulsar as relacións interpersoais e mellorar a convivencia” nos colexios e institutos galegos.

Xa non está permitido nas aulas

Rueda lembrou que Galicia é unha das únicas catro comunidades autónomas que non permite estes dispositivos nas aulas, agás se é con fins pedagóxicos e baixo supervisión do profesorado. Asi quedou recollido, en 2015, no decreto que desenvolve a Lei de convivencia e participación da comunidade educativa.

Ata agora, decidían os centros

Ata o momento, é cada centro educativo o que, no marco da súa autonomía, decide se permitir ou non estes dispositivos nos recreos e noutros períodos non lectivos. Pero, como explicou o presidente, a Xunta constatou que actualmente “o 75% dos centros de secundaria xa prohibe o uso dos móbiles no tempo de lecer” que os estudantes pasan no instituto. Polo tanto, apuntou que o Goberno galego o que busca con esta decidisión é “estender esta prohibición” para chegar ao 100%.

Plan Integral contra o acoso escolar e o ciberacoso

A medida enmárcase na liña 5 do novo Plan integral de acoso escolar e ciberacoso 2023-25, centrada no deseño e desenvolvemento de iniciativas que contribúan a pór freo a calquera situación deste tipo. O seu obxectivo é revisar a normativa vixente co fin de conseguir unha convivencia positiva nos centros educativos; no ámbito da tolerancia cero a todo tipo de acoso, e mellorar igualmente o benestar dixital.

Rueda admitiu que a aplicación desta norma “non é sinxela, pero si posible”. Do mesmo xeito, adiantou que a intención “ambiciosa” é que esta medida comece a aplicarse no segundo trimestre deste curso, “tras a volta de vacacións do Nadal”.

También te puede interesar