Comarcas

A Xunta e 12 concellos da área de Vigo, prorrogan dous anos o Plan de Transporte Metropolitano

Permite viaxar gratis, ou con descontos

A Xunta e 12 concellos da área de Vigo, prorrogan dous anos o Plan de Transporte Metropolitano

A Xunta e 12 concellos da área de Vigo acordaron este luns, prorrogar o Plan de Transporte Metropolitano durante os dous vindeiros anos. O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano, celebrada na cidade. Na mesma avaliouse, conxuntamente, o funcionamento desde plan posto en marcha en abril do ano 2015.

Este ten coma obxectivo é darlle continuidade á colaboración do Goberno galego cos municipios que integran a área de transporte metropolitano de Vigo (Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Soutomaior).

Descontos nos billetes

Para iso, no marco deste convenio, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade achegará anualmente preto de 1,2 millóns de euros para financiar os descontos do 80% nos billetes interurbanos; ademais do 100% dos transbordos, que son gratuítos; as bonificación adicionais aos usuarios recorrentes (15%) e membros de familias numerosas, de ata o 50%. Entre os municipios que configuran esta área de transporte, na que non está Vigo pola súa negativa a integrarse, realizarán unha achega de 280.000€ ao ano.

Incremento de viaxes

Asi mesmo, no encontro tamén se fixo un balance do período comprendido entre os anos 2016 e 2023: no mesmo o número de viaxes se incrementou en case un 30%, prevéndose neste ano acadar as 3.476.685, o que supón un aumento dun 23,29% respecto a 2022.

Cangas e Moaña

Nesta liña, a evolución do número de viaxeiros nos corredores marítimos de Cangas e Moaña tamén presentou un importante incremento, prevéndose pechar este ano cun aumento medio do 26,5%.

Noutro eido, os datos avaliados apuntan á Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG) como principal medio de pagamento: por riba do 75% dos usuarios. Asi, na actualidade máis de 80.000 veciños da área de Vigo estanse a beneficiar dos seus descontos.

Xente Nova

Por último, á tarxeta TMG súmase a Xente Nova, coa que máis de 29.500 mozos de menos de 21 anos da área xa viaxan de balde en autobús ou en barco. Ademais, unha vez culminada en 2021 a extensión do emprego deste dispositivo aos 313 concellos de Galicia, os rapaces tamén poden viaxar gratis por toda a comunidade en calquera das 3.555 liñas de autobús de titularidade autonómica.

Esta gratuidade no transporte público se estenderá o vindeiro 1 de xaneiro do 2024 aos maiores de 65 anos.

También te puede interesar