O Concello de Ponteareas executou desde o 1 de xullo ata o momento, «en preto de 4 meses e medio, a mesma porcentaxe que o anterior bipartito en ano e medio», un 10% e un 11% respectivamente. Así quedou patente na reunión da Comisión de seguimento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, EDUSI.
Ata o 31 de decembro
A actual comprende un período de 2016 a 2022, mais unha prórroga dun ano, ata o 31 de decembro de 2023, por unha contía total que ascende a máis de 6,2 millóns de euros. «Desde 2016 e ata o último día de 2022, o grupo do anterior goberno local formado polo BNG mais o PSOE tiñan executado 3,3 millóns, un 53% do total, e a data de 1 de xuño do presente 2023 a cifra ascendía soamente aos 4,5 millóns, un 64% do total dos fondos», indican dende o Goberno municipal.
Isto supón que, a día de hoxe, a execución total dos fondos ascende a algo máis de 5,2 millóns de euros e que, a pouco máis de mes e medio da data límite de execución dos fondos, o vindeiro 31 de decembro, resta apenas un 26% do total, arredor de 1,9 millóns.
«Acelerar os prazos»
O balance que fai o goberno liderado Nava Castro resalta que desde o 1 de xullo deste ano 2023, “a herdanza foi un prazo de 5 meses para executar 1,5 millóns de euros, o que equivale ao 25% do total dos fondos sen destino». Esta dituación, engade, «da fe da deficiente xestión do anterior goberno que en 8 anos non foi capaz de executar o 100% dos máis de 6,2 millóns concedidos e que agora este grupo de goberno ten que acelerar prazos para que Ponteareas non quede sen eses fondos”.
Aceros del Tea
Como «exemplo» do traballo feito, o actual Goberno local subliña o desbloqueo levado a cabo na nave de Aceros del Tea: nos últimos 4 meses «conseguiu resolver a adxudicación do contrato de obra, dúas veces deserta nos anos anteriores». A este proxecto «súmanse outras actuacións como o Centro de Emprendemento, Dinamización Empresarial e Espazo de Co-Working; a rede de calor ou a incorporación de sistemas tecnolóxicos ou a obra do centro cívico- residencia de artistas».
Nova imaxe corporativa
O Goberno Local aproveitou para informar nesta comisión a actualización da nova imaxe corporativa do Concello de Ponteareas que foi financiada con Fondos Europeos. «A nova imaxe recupera as características do escudo oficial da Vila de Ponteareas cunha tipografía máis moderna e limpa polo que se unen tradición e vangarda».