Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais cara ao río Lagares. Os técnicos do Programa de Control de Vertidos localizaron este punto de vertido tras unha alerta comunicada polo Servizo de Emerxencias do 112.
Na inspección observouse a existencia de turbidez no curso fluvial ao seu paso por Lavadores, consecuencia do movemento de terras nunhas obras que se estaban a realizar no lugar de Sabaxáns.
De inmediato, Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do Concello para que levara a cabo as medidas oportunas para a emenda do vertido irregular. Nunha recente inspección á zona, os técnicos autonómicos constataron a realización das intervencións oportunas e a ausencia de caudal cara o río Lagares, eliminando así o vertido irregular ao dominio público hidráulico.
Quinto vertido en tres días
Este é o quinto vertido deste tipo detectado no Lagares nos últimos catro días. Así, como informou vigoalminuto, detectáronse outros catro; dous deles no lugar da Devesa, en Matamá, procedentes de vivendas unifamiliares; outro no lugar de Alza, na parroquia de Cabral e o último, causado por deficiencias estruturais no colector de saneamento municipal que discorre pola marxe dereita do río, baixo a rúa dos Olímpicos.