Comarcas Vigo al minuto

Redondela aborda con Educación as deficiencias do transporte escolar aos IES Floriani e Mendiño

O Concello estuda outras alternativas ás propostas da Xunta

Redondela aborda con Educación as deficiencias do transporte escolar aos IES Floriani e Mendiño

A alcaldesa de Redondela e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuníronse na sede da Xunta en Pontevedra co responsable provincial de Ensino, César Pérez Ares, e a Xefa Territorial de Mobilidade, María Martínez, para trasladarlles as necesidades dos centros de ensino público de Redondela.

IES Floriani e Mendiño

Digna Rivas explicou que entre as máis urxentes está solventar as deficiencias do transporte escolar nos IES Pedro Floriani e Mendiño. “O alumnado que vive nas parroquias ten serios problemas para desprazarse aos insitutos da vila, ao non ter dereito ao uso do transporte escolar, e tampouco conta con transporte público ordinario”, denuncia Rivas.

Alternativas

Por este motivo, o pasado 6 de setembro o Concello solicitou á administración autonómica esta xuntanza. A alcaldesa sinala que existen varias alternativas para ofrecer este servizo “pero era necesario que os responsables autonómicos nos recibisen para estudar con eles as diferentes opcións e comprobar a súa viabilidade”.

Unha das alternativas son as liñas SIMU (Servizo de Interese Municipal), para conectar o centro da vila coas liñas de Vilar-Porto Cabeiro, Reboreda e Cesantes. Rivas advirte que se trata dun sistema “que haberá que estudar pormenorizadamente desde o Concello para ver se cobre as necesidades dos escolares e da veciñanza, e tamén a súa viabilidade económica”. A alcaldesa anunciou que desde “xa” os servizos municipais poranse a traballar “para analizar os horarios, as rutas e prazas necesarias para os usuarios do servizo”.

Trasporte a demanda e convenio cos taxistas

Outras posibilidades son o transporte a demanda ou un convenio coa Asociación de Taxistas de Redondela “nas que tamén se está a traballar”, segundo explica o concelleiro de Ensino, Iván Valles. Por outra banda, o edil sinalou tamén que o Concello “está a supervisar que a empresa de transporte escolar estea a cumprir con todos os servizos que ten contratados”.

Problemas de filtracións de auga, falsos teitos o fiestras

O responsable territorial de Ensino comprometeuse a analizar o problema e, tamén, as necesidades “máis urxentes” en canto aos problemas estruturais que presentan algúns dos colexios redondeláns. Valles trasladoulle que hai casos de filtracións de auga, fiestras en mal estado, falsos teitos que se desprenden ou o alicatado dalgúns aseos, que corren risco de desprendemento. “Trátase de colexios moi antigos, algúns con máis de 50 anos, e precisan de arranxos urxentes”.

Te podría interesar