Comarcas Vigo al minuto

Covelo reclama ante a falta de subministro de bombonas de gas nas parroquias

O alcalde pide a intervención da Xunta pola “falta de seriedade da subministradora”

Covelo reclama ante a falta de subministro de bombonas de gas nas parroquias

Ata dous meses sen subministro de bombona de gas nalgunhas parroquias de Covelo, esta é a situación que viven algúns veciños e veciñas dende que comezou o presente ano 2023. Ante isto, o Concello informa de que “tentou acordar unha solución coa empresa subministradora, GASCÍES S.L. Vigo ao longo das diferentes chamadas e reclamacións enviadas”.

Neste ano 2023 recibimos numerosas queixas dos veciños e veciñas de Covelo de tódalas parroquias referentes á falta da regularidade no subministro das bombonas de gas e propano nos seus domicilios, motivo polo que contactamos en varias ocasións coa empresa”, explica o alcalde, Pablo Castillo.

Contacto coa Consellería de Economía, Industria e Innovación

Sen obter mellora no servizo de reparto, que “durante meses deixa sen subministro a varios barrios, e a outros tantos asiste de xeito desorganizado e con retraso”, o alcalde vén de trasladar á xefatura territorial da Consellería de Economía, Industria e Innovación o seu malestar ante a falta de seriedade da empresa subministradora.

Asi, no seu escrito, Pablo Castillo relata que a empresa advirte que deben trasladarse á gasolineira de Paraños para mercar a bombona ante a falta de persoal. “Unha resposta que non imos aceptar xa que non é compatible coas condicións sociodemográficas do noso concello con boa parte da veciñanza de idade avanzada e sen recursos para desprazarse que debe afrontar os custos de pagar un taxi para ir a gasolinera a mercar a bombona de gas”.

Recuperar o reparto

Deste xeito, o Goberno municipal solicita apoio e a intermediación da Consellería para resolver o problema e recuperar o reparto coa normalidade que se viña dando con anterioridade: cada semana nos lugares con máis poboación e cada quince días no resto dos lugares. Dende o Concello subliñan que a maioría dos fogares utilizan a bombona para as cociñas, para a auga quente e para sistemas de calefacción.

Ademais, engaden, “esta situación prexudica ao sector hostaleiro“, que tamén se ve na obriga de desprazarse a mercar as bombonas interrompindo así o seu traballo diario.

Te podría interesar