Destacados Vigo al minuto

A doutora viguesa Natalia García Morales lidera unha investigación estatal sobre colite ulcerosa

Participan científicos de hospitais de Madrid, Salamanca e Santiago

A doutora viguesa Natalia García Morales lidera unha investigación estatal sobre colite ulcerosa

A doutora Natalia García Morales, especialista en Dixestivo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e investigadora do Grupo Patoloxía Dixestiva do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, liderará un grupo de investigación a nivel estatal co fin de probar a eficacia da ecografía intestinal “a pé de cama” na predición de risco de mala evolución na colite ulcerosa grave.

Neste estudio, no que participarán como equipo investigador colaborador facultativos de hospitais de Santiago de Compostela, Madrid e Salamanca, tratarase de testar e avaliar a eficacia do emprego da ecografía intestinal “a pé de cama”, ou POCBUS, como unha ferramenta de gran utilidade para predicir o risco da mala evolución na colite ulcerosa grave nos tres primeiros días de ingreso, co fin de poder establecer estratexias terapéuticas de maneira temperá.

Para levar a cabo esta investigación, denominada: Capacidad predictiva del riesgo de mala evolución en colitis ulcerosa grave, de la ecografía intestinal “a pié de cama”: POCBUS-PREDICT UC, a doutora Natalia García Molares ven de obter unha financiación de 25.000 euros procedente do laboratorio Janssen, a través do Grupo Español de Trabajo en Enfermedad de Crohn y Colitis Ulcerosa (GETECCU) .

Diagnóstico inmediato

A colite ulcerosa é unha enfermidade inflamatoria crónica que afecta á mucosa do recto e do colon e ocasiona discapacidade e alteración na calidade de vida das e dos pacientes. Habitualmente, maniféstase en forma de brotes de actividade inflamatoria, sendo na maioría dos casos leves ou moderados.

Non obstante, ao redor dun 15 ou 20 por cento de casos poden derivar nunha colite ulcerosa grave (CUG), o que require de hospitalización e seguimento estreito da súa evolución e, no seu caso, tratamento con corticoides e estratexias terapéuticas individualizadas. Ademais, dentro destes casos de CUG, entre un 20 e un 40 por cento poden requirir unha terapia de rescate aínda máis complexa.

Con tal motivo, as decisións terapéuticas deben de ser tomadas dende os primeiros días de ingreso (3 días a partires do brote) e, actualmente, se basean nunha combinación non estandarizada de distintos parámetros clínicos, analíticos e colonoscópicos, máis lentos, caros e menos tolerados polas e polos pacientes.

Experiencia noutras enfermidades

Neste sentido, a ecografía intestinal está a revolucionar a xestión das e dos pacientes con enfermidade inflamatoria intestinal (EII), ao ser unha técnica non invasora, non dolorosa, sen radiacións nin efectos secundarios, mostrándose moi eficaz na enfermidade de Crohn. Así, segundo explica a doutora García Molares: “aínda que a ecografía intestinal “a pé de cama” (POCBUS) ten sido pouco estudada na colite ulcerosa, está mostrando resultados prometedores reflectidos en publicacións recentes. Unha delas, non atopa diferencias significativas entre a POCBUS e a ecografía intestinal habitual na avaliación actual da enfermidade, concluíndo os seus autores que esta podería ser unha técnica fiable para detectar a actividade da enfermidade, permitindo a toma de decisións médicas inmediatas con importantes vantaxes no que respecta a tempo e custo”.

“Grazas aos avances tecnolóxicos –conclúe a investigadora- actualmente dispoñemos de equipos cada vez máis móbiles e miniaturizados, que permiten obter imaxes de ultrasón de alta calidade. A ecografía “no punto de atención” (POCBUS) sitúase como “o fonendoscopio do futuro” e está gañando un interese e unha difusión crecentes en diferentes especialidades médicas pola posibilidade do seu emprego “a pé de cama” da e do paciente. A Dra. Morales realiza de maneira semanal ecografía POCBUS na súa práctica clínica habitual.

Unidade acreditada

A Unidade de Enfermidade Inflamatoria Intestinal do Complexo Hospitalario de Vigo atende actualmente a 2.000 pacientes con estas patoloxías. Foi acreditada en 2020 e reacreditada en 2022 dentro do Programa de Certificación das Unidades de Atención Integral a pacientes con EII de GETECCU.

A súa actividade investigadora plasmouse en diversas publicacións sobre a epidemioloxía, asistencia clínica, novas tecnoloxías aplicadas e adherencia terapéutica na EII. Desde a Unidade, actualmente particípase en numerosos ensaios clínicos de diferentes laboratorios promotores e en estudos clínicos multicéntricos, tanto a nivel nacional e internacional.

También te puede interesar