Galicia Vigo al minuto

Rueda anuncia que dende xaneiro os maiores de 65 anos poderán viaxar gratis no transporte público da Xunta

Co Carné +65

Rueda anuncia que dende xaneiro os maiores de 65 anos poderán viaxar gratis no transporte público da Xunta

O presidente da Xunta anunciou hoxe no Pleno do Parlamento que, a partir do vindeiro 1 de xaneiro, todos os maiores de 65 anos poderán viaxar de balde no transporte público da Xunta. Alfonso Rueda sinalou que é unha medida da que se beneficiarán máis de 50.000 persoas.

Carné +65

Así, o xefe do executivo subliñou que esta iniciativa “se suma a outras” do Goberno galego de apoio a este colectivo,
recollidas no Orzamento de 2024. En concreto, referiuse ao Carné +65, semellante ao Carné Xove, e que permitirá a este colectivo desfrutar de descontos en servizos, establecementos ou ocio.

O obxectivo desta nova medida, dixo o presidente, é ampliar a este colectivo a gratuidade que xa se aplica aos menores de 21 anos a través da tarxeta Xente Nova, e da que se benefician preto de 160.000 mozos galegos.

Ademais, engadiu, busca impulsar a mobilidade sustentable na comunidade e facilitar os traslados as persoas maiores, especialmente no rural, que moitas veces dependen do transporte público para acudir ao centro de saúde,
facer algún trámite ou desprazarse a unha actividade de lecer.

‘Cota cero’ a novos autónomos

Esta semana, Alfonso Rueda xa informara doutra medida: a ‘Cota cero’, dende xaneiro, para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos. Deste xeito, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano.

También te puede interesar