Vigo al minuto

Francisco Castro, “O meu ‘plan A’ sempre foi a música, a literatura era o ‘plan B”

Presenta este sábado no teatro Salesianos o seu primeiro álbun ‘Agora é o tempo’

Francisco Castro, "O meu 'plan A' sempre foi a música, a literatura era o 'plan B"

Non hai ‘Planet B’. A frase non é só o slogan dunha atinada campaña para concienciarnos da urxencia do compromiso coa conservación deste mundo: tamén é a frase que concreta a realidade de que aqui, neste planeta, sucede todo. A maioría das veces, case todas para que suavizalo, non temos puta idea do que está a pasar, e moito menos o control das circunstancias …ou xa que falamos con Francisco Castro (Vigo, 1966), podemos traernos a John Lenon e dicir que “a vida é iso que mentras estás ocupado facendo outros planes”, sexan a, b ou x.

Pero iso non pasa sempre…e como tamén falamos de Francisco Castro, atopamos que hai tipos coma el que ademais de Planet A, tamén teñen Plan B…e fan que funcione. Vai amosalo este sábado, día 28, ás 20:30h. no teatro Salesianos presentando o seu primeiro álbum musical titulado “Agora é o tempo”.

Non vou facer spoiler, pero soa máis que ben, e non é pouco considerando que o autor celebrará o día anterior 57 anos dando a razón a Bernard Shaw, outro escritor, “o home non deixa de xogar porque se faga vello. Faise vello porque deixa de xogar”.

Vigo al Minuto.- Como é dar o salto de escribir, un traballo solitario, introspectivo a actuar, diante de xente, exposto e vendo a súa reacción?

Francisco Castro.- Estouno a vivir dun xeito moi natural, son consciente da sorpresa enorme que é para todo o mundo, pero para min é un proceso natural, porque a música sempre estivo moi presente en min, de feito, estes días, vendo a miña obra, hai cantidade de libros que se abren con citas dos Beatles…por exemplo a primeira novela que publiquei chamábase ‘Playback’ e era unha historia de orquestras de verbena…eu sempre digo que a literatura era o meu ‘plan b’…o ‘plan A’ sempre foi a música, o que pasa que non tiven o que tiven que ter aos vinte e pico anos para escoller ese camiño e escollín o camiño da literatura…non me foi nada mal, a verdade, e aí vou seguir, por suposto… o venres a véspera do concerto cumpro 57 anos e tiña que facelo, porque si non quedaría sen facer…con sesenta e moitos anos non ía subirme a un escenario cunha banda de rock&roll.

VAM.- E o proceso de crear as letras…xa as tiñas ou ao contrairio: o que tiñas na cabeza era a música?

FC.- O proceso é diferente ao da literatura…agora estou traballando nunha novela, que estou rematando estes días… ben, neste caso dis: quero escribir unha novela, que trate sobre isto, que transcorra neste escenario xeográfico e que haxa tal conflito…no caso da canción tes tres minutos para contar unha historia e o tes que facer pensando en harmonía, en que teña un retrouxo atractivo…entón cada canción nace dun xeito distinto..

VAM.-…por exemplo?

FC.- A balada, ‘Canción de guerra’ é unha canción que fixe ao día seguinte da invasión de Ucraína e naceu ao mesmo tempo a música e a letra, dunha maneira moi fluída…en dez minutos estaba feita a canción…logo o que ti escoitas, unha orquestración e tal, é traballo de meses, pero o que é a estrutura da canción naceu en dez minutos…hai outras, por exemplo antes de vir aquíi fun capaz de facer unha música, xa a gravei, e logo iremos pola letra, noutros caos é ao revés: compós unha especie de poema e logo vas a musicalo, no meu caso non hai unha fórmula única…

VAM.-…pero tes unha base, unha formación musical

FC.- Bueno, de neno fun moi pouco tempo a clases de guitarra, pero moi aficionado, todo o aprendín tocando cos amigos do instituto e botándolle moito papo, collendo a guitarra e tirando para diante.

“A música sempre estivo moi presente en min, hai cantidade dos meus libros que se abren con citas dos Beatles”

VAM.- O público que vaia o sábado a Salesianos que vai a escoitar…unha música que cadra coa imaxe que temos túa ou non ten nada que ver?

FC.- Probablemente a imaxe dun escritor, que ademais foi editor e director dunha gran editorial como Galaxia, probablemente a xente espera canción de autor, de cantautor, sentado cunha guitarra…non, é un disco moi eléctrico, vai ser unha actuación na que hai funky, rock and roll, country, baladas, momentos íntimos…é un disco que recolle a música que me gusta escoitar. Eu vou sempre no coche, ou na casa, con música a un volume bastante minsán…eu son moi guitarreiro, son un home educado no rock antes de falar con corrección escoitaba en bucle o ‘A Hard Day’s Night,’ dos Beatles e cantaba, como dicían os meus país, en suposto inglés, como a min me soaba aquilo. Vai a ser un concerto moi divertido, moi intenso e moi honesto e tamén con sorpresas.

VAM.- Falabas antes do tema da idade, inflúe á hora de tomar a decisión ou é a meta: se non o fago antes de xa non o fago?

FC.- Ambas as cousas, sobre todo a idade o que che da é unha perspectiva moi relativa de moitas cousas…agora cousas que me angustiaban aos 30 ou 40 anos é que agora me la soplan, absolutamente. Ao mellor con 40 anos daríame un pouco de corte, debutar con 57 anos diante dun teatro no que vai a haber 300 persoas moi atentas…aos 57 non teño temor…pregúntanme os amigos se estou nervinoso e digo non, estaba nervioso hai un ano, cando empezamos a gravar, cando vi que tiñamos un disco, empezamos a facer os arranxos, a gravarse en distintos lugares do mundo e a implicarse distintas persoas si que dixen ‘ostras, a ver, onde me estou metendo?’, agora quedan uns días…non sei como vai a saír o sábado, pero estou, fundamentalmente, relaxado.

“A xente espera canción de cantautor, sentado cunha guitarra…e non: vai ser unha actuación na que hai funky, rock and roll ou country”

VAM.- Actuaras xa diante de público?

FC.- Non, non, eu vou debutar con 57 anos e un día, será a miña primeira vez.

VAM.- E non tes medo?

FC.- Non, non teño nada que perder tampouco, e dicir, é un proxecto persoal, o disco quedou moi digno, para min foi que fundamental ver que músicos de longa traxectoria se implicaban e aínda hoxe un dos nosos guitarristas me dicía: un dos temas lentos, a balada, ponme os pelos de punta…e dis, ‘caray, non é tan mal material’. Entón nese sentido estou moi confiando e teño tamén unha banda superpotente, de xente que levan mil anos nos escenarios e que están entusiasmados, e iso dáche moitísima confianza…ver para atrás e ver eses monstros que están aí traballando para ti e para arrouparte a ti, iso da moita confianza.

VAM.- Ao escoitar o disco que sentiches? Gustouche? Pensaches: non canto tan ben ou si?…

FAC.- (Sorrí) O disco o escoitas moito antes do que o disco exista, o escoitas no estudo…e a sensación é de seguridade. Unha das cousas que aprendín nos 18 meses que nos levou facer o disco é a cantar…eu non sabía respirar, por exemplo, cantaba como facemos moitos ao redor dunha mesa, con catro cervexas e comémonos o mundo cunha rancheira…pero cantar aguantando a respiración, non afogar ao final dos versos…iso é algo que aprendín con Verónica Santalices, que é unha cantante que leva moitísimo anos… e estará facendo os coros o sábado… aprendes a cantar, a tocar… non son o guitarrista que era hai 18 meses, mellorei moito como guitarrista…pero pasa: ti xogas con Messi, Iniesta e Xabi Hernández e fas cousas que non fas xogando nun equipiño calquera…estar con músicos cos que colles seguridade.

VAM.- Imposible non preguntar pola literatura…sobre a novela que estás rematando… cando poderemos léela?

FC.- O ultimo que publiquei foi ‘Xoán, Xoana’, que foi un premio, pero antes publicara ‘A historia de Sara’, unha novela dura, sobre a violencia sexual contra os nenos e as nenas, quizais por iso agora saíu unha novela negra cómica. Busca o sorriso do lector…é unha historia disparatada que transcorre en Londres en 1978, sae Elton John, Paul McCartney, Sex Pistols, Mary Quant, todos os topicazos…e polo medio anda un galego despistado con todo iso que estaba pasando.

VAM.- Cando estará nas librerías?

FC.- Non o sei. O ano que ven publicarei outra…e esta novela estará un ano ‘durmindo’…pasado ese tempo, xa máis desintoxicado dela volves a tentar aquelala un pouquiño…entón non o sei, tampouco me preocupa…agora estou como un neno con zapatos novos, moi centrado na música, despois deste concerto haberá outro en decembro e o ano seguinte hai apalabrados 5 ou 6 en toda Galicia… estarei moi ocupado co tema da música.

También te puede interesar