Destacados Vigo al minuto

O BNG esixe a paralización das obras denunciadas no nacemento do río Lagares

Interpelará a Concello e Xunta sobre as mesmas

O BNG esixe a paralización das obras denunciadas no nacemento do río Lagares

O Bloque Nacionalista Galego esixe a paralización inmediata das obras que están a realizarse no nacemento do río Lagares, en Cabral, concretamente nas inmediacións da lagoa Mol.

Actuación do Concello

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do Bloque, dirixirase ao Goberno municipal para demandar a súa actuación diante de obras de grande alcance nas inmediacións do curso fluvial do río; con utilización de maquinaria pasada; movementos de terras e talla de arboredo, nun ámbito de máis de 200 metros. Igrexas lembra que non hai constancia destes traballos e tampouco coñécese a súa finalidade.

“Non é a primeira vez que se producen este tipo de actuacións nas proximidades do río pola vía dos feitos consumados, polo que para o BNG é claro que o Concello non pode ficar de brazos caídos diante do que pode constituír unha irreversíbel agresión ambiental ao río Lagares”, defendeu.

Traslado da denuncia, tamén á Xunta

Igrexas adiantou que interpelará ao Goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente, o vindeiro luns. Agarda que na mesma aclare de se tiñan constancia destas obras e conte que medidas hai adoptadas para garantir a protección ambiental.

Así mesmo, dado que a Xunta ten competencias sobre o propio curso fluvial, trasladará esta denuncia e a petición de actuacións e explicacións, a través de iniciativas no Parlamento galego.

Te podría interesar