Vigo al minuto

O Gran Circo Acrobático de China, principal atracción da nova tempada no Mar de Vigo

Estará na cidade os días 23 e 24 de decembro

O Gran Circo Acrobático de China, principal atracción da nova tempada no Mar de Vigo

O Auditorio Mar de Vigo presenta un avance da tempada de outono/inverno cunha extensa programación de concertos, espectáculos de humor e maxia, óperas, orquestras clásicas, ballets e outros eventos dirixidos tamén aos máis pequenos.

Manolo García e Víctor Manuel

Por unha banda, dentro da mellor música en directo, o veterano Manolo García actuará este sábado 21 de outubro nun concerto onde todas as entradas levan meses esgotadas.Séguelle unha das voces máis coñecidas vindas de Cuba, Eliades Ochoa, membro fundador de Buena Vista Social Club que presentará o 10 de novembro o seu último traballo “Guajiro”, onde deixa claro porque é unha referencia na música tradicional cubana.

Seguindo cos concertos, o 18 de novembro chegarán Camela, que tras o seu exitoso “Que la música te acompañe” non dá sinais de desgaste na súa tecno rumba de máis de 3 décadas. Finalmente, o gran Víctor Manuel escolleu Vigo para que sexa unha das últimas datas na súa xira de dous anos onde repasa e celebra a súa carreira musical, baixo o nome de “La vida en canciones – El escenario lo cura todo”. Actuará o 25 de novembro nunha data para a que restan poucas localidades.

Musicais

Na programación dos musicais, un dos pratos máis fortes é o musical de “Charlie y la fábrica de chocolate”, cuxa presentación no Mar de Vigo acaba de pospoñerse aos días 26, 27 e 28 de xaneiro de 2024. Esta decisión débese á necesidade de levar a cabo reparacións técnicas na escenografía, que destaca pola súa complexidade e elementos de maxia. Así o comunicou a produtora LetsGo. 

“Hija de la Luna – El mejor homenaje a Mecano”, protagonizado por Robin Torres, volve despois de 6 anos de xira e con máis de 250 concertos por España e Latinoamérica, cun novo espectáculo baseado na xira máis importante da carreira de Mecano, “Descanso Dominical”. Estará no Auditorio Mar de Vigo o 11 de novembro.

Gran Circo Acrobático de China

E para pechar os grandes espectáculos, Vigo recibirá a fin de semana de Nadal, os días 23 e 24 de decembro, ao famoso e prestixioso Gran Circo Acrobático de China. Cualificado como único no mundo e con máis de 30 artistas en escena, a maioría medallistas olímpicos e algúns procedentes do Cirque du Soleil. O show convida o público a viaxar xunto ao protagonista, un neno soñador que entra nun mundo de fantasía.

Galicia Ilusiona

Esta programación complétase tamén coa celebración da segunda edición da Gran Gala Internacional “Galicia Ilusiona” este domingo22 de outubro cos mellores e máis premiados ilusionistas do momento.

Humor

O humor tamén terá a súa ración este último trimestre do ano. Primeiro, da man dun dos humoristas internacionais máis destacados, George Harris. Presentará o 1 de novembro no Mar de Vigo o seu novo show “Hijo único”.  A nivel nacional, o 9 de decembro, chegan ao Mar de Vigo Raúl Cimas e J.J. Vaquero. Xuntos nun espectáculo de humor único e irrepetible. Algo nunca visto antes, algo que nunca mais se volverá ver… por sorte.

Programación infantil

Os máis pequenos tamén terán o seu lugar na programación. O 10 de decembro pasará de novo polo Auditorio o musical que arrasa entre os pequenos entre 4 e 9 anosSuperThings, o primeiro gran show inspirado nos éxitos da serie de YouTube. Seguidamente, La Granja de Zenón, o fenómeno infantil que rompeu todos os récords nos principais teatros do mundo, regresa co seu novo espectáculo inmersivo “El Gran Gallego” o 30 de decembro e con dobre función.

E xa cun pé en 2024, o grupo infantil “Pica Pica” presentará o 3 de xaneiro en Vigo presenta o seu emblemático espectáculo: “Bailando”.

Ópera

“La Traviata”, un sublime matrimonio entre a estética occidental e a Ópera Clásica de Kishinau, eríxese como unha xoia musical que cativa desde o primeiro acorde. Froito da colaboración entre a Compañía LGAM e a Opéra Nacional de Moldavia, este espectáculo teatral de inverno 2023, estará o 3 de decembro no Mar de Vigo.

As orquestras clásicas e as mellores músicas de cine tamén serán protagonistas dentro da programación do Mar de Vigo. Por unha banda a Hollywood Symphony Orchestra trae o seu show “John Williams & Hans Zimmer” o 26 de decembro, onde repasan a obra destes dous xenios das bandas sonoras.

En xaneiro, tamén terá lugar o Gran Concierto de Año Nuevo de Johan Strauss, coa Strauss Festival Orchestra e o Strauss Festival Ballet Ensemble, programado para o día 7. Pero seguindo coa temática cinéfila, a Film Symphony Orchestra presenta “Henko” o 19 de xaneiro, o seu novo espectáculo que rende homenaxe á valentía, ao cambio interior e nace das melodías máis emblemáticas de obras como “007 Skyfall”, “Mulan”, “Indiana Jones”, ou “Harry Potter”.

De feito, outro dos espectáculos novos este ano chega a finais da xaneiro, o día 21 de xaneiro, coa prestixiosa Hollywood Symphony Orchestra para ofrecer unha impresionante actuación que transporta ao público ao máxico reino de Hogwarts.

Ballet

E finalmente, para os amantes do ballet, a compañía o Ballet de Kiev chega coa gran obra de Tchaikovsky “El Lago de los cisnes” o 12 de xaneiro. E como non, en pleno Nadal,  o día 17 de decembro, volveremos emocionarnos con “El Cascanueces” co Ballet Ruso de San Petersburgo.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do Auditorio Mar de Vigo. As entradas están á venda a través de www.teuticket.com.

También te puede interesar