As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP teñen convocadas catro xornadas de folga en defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta. Como informara vigoalminuto, os paros desenvolveranse os días 19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro e afectarán ás 2.000 traballadoras e traballadores dos 200 centros que hai en Galiza.
Coincidindo co primeiro día de paro, este xoves 19, tamén están convocada unha manifestación en Vigo que sairá ás 12:00h. do Museo MARCO cara á Porta do Sol.
«Inmobilismo»
Os representantes dos traballadores e traballadoras denuncian, unha vez máis, «o inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3». Así, subliñan que «tras máis dun ano e 10 reunións non se avanzou nun acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas».
A patronal «rexeitou todas as propostas»
Pero é que ademais, aseguran, a patronal «rexeitou as múltiples propostas feitas pola parte social», no referente a melloras laborais e sociais, «ben non respondendo ou mesmo propondo involucións en dereitos que non teñen xustificación dada a precariedade actual do convenio no seu conxunto».
Por baixo do Salario Mínimo
Para as centrais sindicais este bloqueo patronal só busca atrasar e evitar a necesaria actualización dos salarios, que xa quedaron por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Ademais, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís. Nesta liña, tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas.