O comité de empresa de Vitrasa denuncia a «represión sindical» a membros do comité e a algúns traballadores, co obxectivo de «coaccionar e amedrentar» ao resto do cadro de persoal. Trátase da apertura de expedientes de sancionadores «relacionados coas xornadas de folga convocadas durante o Marisquiño«. Ao mesmo tempo, a representación sindical censura que «a Dirección está a facer trampas cos servizos mínimos, tal e como veñen constatando as sancións impostas pola Inspección de Traballo».
Servicios Mínimos
Asi, o decreto de servizos mínimos publicado polo Concello para as xornadas de folga dos días 12 e 13 de agosto establecía a saída dun único vehículo na liña de noite, «mais a empresa pretendía poner en circulación catro autobuses». Diante disto, algúns membros do Comité e varios traballadores impediron «de xeito totalmente pacífico e en presenza da propia Policía» a saída dos tres vehículos que non constaban no decreto.
A raíz disto «as persoas presentes nese momento comezaron a recibir notificación de apertura de expedientes sancionadores que poden supoñer, dende a suspensión de emprego e soldo e até o despedimento». Para o comité trátase dun claro caso de represión que ten como finalidade «boicotear as mobilizacións que os traballadores de Vitrasa levan anos desenvolvendo en demanda dunhas mellores condicións laborais».
Trampas sistemáticas
Por outra banda, dende a representación sindical advirten de que os responsables de Vitrasa “fan trampas sistemáticas” cos servizos mínimos durante as xornadas de folga e paros parciais, tal e como evidencian as sancións da autoridade laboral. Os informes da propia Inspección de Traballo recollen que a empresa “incumpre os decretos de servizos mínimos, non entrega a tempo a planificación e os horarios de servizo, co que vulnera o dereito de folga dos traballadores”. Estas cuestións xa lle supuxeron sancións en dúas ocasións.
Estes feitos xa foron denunciados con anterioridade, confirmando que «Vitrasa fai un uso irregular dos vehículos asociados ás liñas que figuran no decreto de servizos mínimos: o Concello decreta un número de vehículos e fixa para determinadas liñas o número de autobuses que ten que estar en funcionamento ou se un autobús debe realizar unha combinación de liñas; Vitrasa non excede o número de vehículos pero incumpre as liñas que teñen que facer eses vehículos, curiosamente beneficiando as liñas que maior afluencia de viaxeiros rexistran”.
‘Posicionando’ os buses nas liñas máis ‘lucrativas’
A empresa, denuncian os representantes do persoal, «tamén obrigaba a deterse antes de hora autobuses que ían ao extrarradio de Vigo para telos posicionados en paradas con maior afluencia tras realizar os paros». Ademais destas, nos últimos meses interpuxéronse decenas de denuncias en Inspección por vulneracións do dereito de folga; falta de vestiarios; utilización indebida das cámaras de videovixilancia; exceso e falta de pagamento de horas extra; falta de cursos de formación dos vehículos novos; incumprimentos do convenio colectivo (en referencia aos límites de xornada); redución do descanso mínimo semanal; atrasos nas nóminas; incumprimentos do rexistro horario e vulneracións da liberdade sindical, entre outras.
Nin caso a autoridade laboral
“O triste de todo isto é que a pesar de ter xa acumuladas varias sancións na autoridade laboral Vitrasa continúa coas mesmas prácticas». Por iso, o Comité seguirá denunciando e presentará un dossier detallado ao Concello. No mesmo solicitarán que, «como indica o prego de condicións [da concesión de Vitrasa], se impoña á empresa sancións por incumprimentos reiterados das súas obrigas laborais, retire a concesión e exclúa do próximo concurso a esta empresa de piratas”.