Galicia Vigo al minuto

Esta son as propostas do Galician Freaky Film Festival, que empeza este mércores en Vigo

As proxencións serán nos Cines Tamberlick

Esta son as propostas do Galician Freaky Film Festival, que empeza este mércores en Vigo

A Praza Elíptica volverá ser punto de encontro para os freaks de Galicia coa celebración do Galician Freaky Film Festival entre o mércores 27 e o sábado 30 de setembro. O festival de cine de temática freak e fantástica este ano rende homenaxe ao filme Akira, anime de Katsuhiro Ōtomo estreado en 1988 que sitúa a acción nunha urbe futurista e disópica chamada Neo-Tokio. Por analoxía, o GFFF convertirá Vigo en Neo-Vigo durante os próximos días.

As proxeccións realízanse en alta calidade e pantalla grande nos Cines Tamberlick do propio centro comercial, mentres que as actividades paralelas, como charlas e exposicións, teñen lugar na Sala Apostrophe, na planta baixa da Praza E. As entradas para as proxeccións teñen un prezo de 6€ na súa web e 8€ na billeteira do evento.

Selección oficial

O programa da sétima edición do GFFF artéllase arredor dunha Selección Oficial de curtametraxes internacionais curada durante meses co mellor da fantasía, o terror e o humor producido nos cinco continentes durante o último ano. 

Ademáis, as pezas de animación manteñen o seu absoluto protagonismo na Selección Oficial. Unha técnica pola que o festival leva apostando todos estes anos e que se ve reforzada este ano ao considerarse un medio moi versátil, capaz de achegar historias oníricas, violentas e políticamente incorrectas que en acción real serían case imposibles de producir ou desfrutar.

45 curtas de 23 países

O programa completo está dispoñible na web do certame e inclúe 45 curtametraxes de 23 países diferentes divididas en oito bloques segundo a temática: “Alimento para o maxín”, “Arrepío”, “Ciencia ficción”, Co cu torcido”, “Humor freak” e “Que carallo é isto”. 

Homenaxe a Akira: proxección e actividades

Xapón, e en especial a cultura do manga (cómic) e anime (animación) estarán presentes durante as catro xornadas. A película poderá verne na gran pantalla dos cines Tamberlick e a Sala Apo’strophe estará decorada en consonancia e contarase cunha réplica da famosa moto vermella de Kaneda

Actividades arredor do filme, o cómic e a animación

Fanzine Neo-Vigo: O festival convocou en abril un concurso de banda deseñada no que animaba a imaxinar Neo-Vigo. Recibíronse máis de 40 propostas, das que tres as mellores foron editadas en formato fanzine. A presentación do mesmo terá lugar o mércores ás 17:00 h na Sala Apo’strophe con entrada de balde.

Reimaxinando Akira: exposición colectiva na Sala Apo’strophe na que artistas da banda deseñada como Norberto Fernández, Miguel Porto, Anxel con X ou Mara Méndez reconstrúen e homenaxean elementos do imaxinario de Akira desde a súa peculiar e persoal visión. 

Mesa cadrada: escolas de banda deseñada: espazo no que coñeceremos de primeira man a gran canteira de artistas de BD que existen na nosa comunidade. Participan Kiko da Silva de, O Garaxe Hermético (Pontevedra), Bruno Vázquez, da Escola de Arte de Pontevedra e María María Vilar e Iago Araujo de Kame (Vigo). Sábado ás 11:30h.

As voces do anime: charla con tres profesionais galegos que puxeron voz aos animes da nosa infancia e propiciaron que unha xeración enteira crecese vendo os debuxos en galego. Participan Antón Rubal (voz de Son Goku, ademais de Ben Affleck, Daniel Craig ou Hugh Jackman), Montse Davila (dobradora en Sailor Moon, One Piece e Shin-chan) e Miguel Vijande (As bólas máxicas e Dragón Z e voz do androide C-17). Sábado ás 12:30h.

I Feira Fantástica e Freak de Galicia

O venres pola tarde e o sábado todo o día instalaranse na parte central da planta baixa 14 da Praza E postos de artistas e artesáns. A Feira Fantástica e Freak de Galicia será un espazo único cheo de arte, cousas molonas e moito freakismo onde coincidirán algúns dos puntos de resistencia e cultura freak de Vigo, así como unha serie de artistas que nos ensinarán o talento da cidade.

A “Cochirencia” de Rafillo

O animador e humorista coñecido nas redes (onde ten 58.000 seguidores) como Rafillo estará no Galician Freaky Film Festival ofrecendo a súa Cochirencia, unha “conferencia” na que falará, a priori, de Querida Conchi a webserie de comedia bizarra para adultos máis transgresora do momento, que segue a vida dun matrimonio de anciáns. Rafillo traballou para canles como Cartoon Network (Adult Swim) e Fox e para a serie Rick y Morty.

Café con CREA: A que andas, freak?

Sesión de work in progress realizada co apoio da Plataforma CREA e de Vigo Film Office na que directores, produtores e actores falarán dos proxectos audiovisuais que están a desenvolver agora mesmo e que veremos nos próximos anos.

Outras actividades

Monstro de Andrés Goteira. Coa participación de Laura Doval, produtora de GAITAFILMES e Antonio Durán “Morris”, protagonista do filme.

Salitre e O que queda de Nós, de Miguel Gómez Abad. Coa participación do director e Lidia Veiga, protagonista dos filmes.

Histeria do meu pequeno mundo, de Pablo Fontenla. Coa participación do director.

Odysseus de Aarón Pérez Pardiñas. Coa participación do director e Roberto Mariñas, director técnico.

Chantilly Romance, de Eugenio Cortegoso. Coa partipación de Sergio Bugarín,  axudante de dirección.

You may also like