Vigo al minuto

Vigo, capital do frikismo

Chega o cine freak e fantástico á cidade

Vigo, capital do frikismo

Imaxes: Paula Cermeño/ O festival internacional de cinema freak e fantástico de Vigo vén de publicar a Selección Oficial de curtametraxes que formarán parte da súa sétima edición e que se proxectarán entre o 27 e o 30 de setembro nos Cines Tamberlick da Plaza Elíptica. Curtas que alimentan o maxín, coas que arrepiar e coas que berrar á pantalla “que carallo é isto?”. O obxectivo do Galician Freaky Film Festival continúa a ser provocar nos espectadores de todo menos indiferencia. 

Programa

O programa completo está dispoñible na web do certame e inclúe 45 curtametraxes de 23 países diferentes divididas en oito bloques segundo a temática: “Alimento para o maxín”, “Arrepío”, “Ciencia ficción”, Co cu torcido”, “Humor freak” e “Que carallo é isto”. 

Curtas

As curtas foron seleccionadas entre os traballos inscritos na convocatoria e unha exhaustiva procura polos festivais e produtoras de xénero máis relevantes do mundo. Así, o resultado é unha escolma do mellor do cinema freak e fantástico estreado dentro e fóra de Europa durante o último ano, na que 32 dos traballos non foron nunca antes proxectados en Galicia e 12 son tamén estreas en España. Unha proba máis da singularidade da mostra que poderemos ver a próxima semana na Praza Elíptica.

Presenza de filmes galegos

Na Selección Oficial non podían faltar os títulos e profesionais galegos.  Fernando Tato e Lucía Estévez estarán presentando Compañeiros O Neno Sardiña, respectivamente.  Tamén poderemos ver Sandwich Cat, premiada curta do animador David Fidalgo Omil e Caraoscura, con guión do coruñés Javier Trigales. Ademais de facer sempre un oco ás producións galegas, o GFFF leva desde o seus incios subtitulando en cada edición ducias de curtametraxes internacionais á nosa lingua.

A animación, protagonista da Selección Oficial

Nesta sétima edición, na que o GFFF homenaxea o anime xaponés Akiraas pezas de animación manteñen o seu absoluto protagonismo na Selección Oficial. Unha técnica pola que o festival leva apostando todos estes anos e que se ve reforzada este ano ao considerarse un medio moi versátil, capaz de achegar historias oníricas, violentas e políticamente incorrectas que en acción real serían case imposibles de producir ou desfrutar.

Algúns dos filmes máis impactantes da sétima edición

Cut de Son Min-zun. Cut ten todos os ingredientes que esperas dun filme coreano. Descolocarate de principio a fin. Está no bloque ARREPÍO.

La machine d’alex, de Mael Le Mée. Os seguidores de David Cronenberg atoparanse moi cómodos neste filme. Unha oda á nova carne, onde o mecánico e o visceral mistúranse nunha obra coidada ao milímetro. Está no bloque: CIENCIA FICCIÓN:OUTROS MUNDOS.

Tank Fairy de Erich Rettstadt. Está no bloque QUE CARALLO É ISTO?! Vol. 2. A fada das bombonas de butano conquistará o teu corazón como xa o fixo en festivais como o Fantasia de Canadá, o SXSW ou o NIFFF. E é que esta peculiar madriña seducirate a golpe de descaro, tacóns altos, temazos e tubos de purpurina.

Claudio’s Song. Dentro do bloque CO CU TORCIDO atopamos esta curta do director Andreas Nilsson. O secuestro dun influencer rematará de forma moi inesperada para todas as partes. Un final digno deste bloque.

Gnomes. Se algo non pode faltar cada ano no festival é unha curta con máis litros de sangue e vísceras das que pode albergar un corpo humano. A curta de Ruwan Heggelman é de esas que tes que saber ao que vas: a escachar da risa. Se odias saír a correr, de cando en vez comes fungos e encántate a casquería esta é túa curta.

 Vigo, capital do frikismo

O Galician Freaky Film Festival é o evento de cinema e cultura freak definitivo. Un festival que amosa unha coidada selección nacional e internacional de pezas audiovisuais que adoitan verse privadas das canles habituais de distribución. Pezas moitas veces inéditas en Galicia, con estreas mundiais, internacionais e nacionais. 

O GFFF ten todos os ingredientes para convertir a Vigo na cidade de peregrinación freak, onde o seu exército poderá volver a gozar do festival, unha experiencia que vai alén do cinematográfico para converterse nunha experiencia de comunidade. 

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.