Este celebrouse en Vigo a gala de clausura da XII edición do Festival Primavera do Cine, onde foron entregados os diversos premios aos filmes que participaron na sección oficial.
Meu amigo Lorenzo
Así, o Premio do Público á Mellor Longametraxe recaeu no filme de nacionalidade brasileira Meu amigo Lorenzo, dirixido polo veterano cineasta André Luiz Oliveira. O realizador é todo un icono do cinema marxinal brasileiro desde finais dos anos sesenta, etiqueta que acadou a partir da difusión do seu filme Meteorango kid, o heroi intergaláctico (1969).A súa traxectoria está composta por numerosos filmes de prestixio como A lenda de Ubirajara (1974) e Louco por cinema (1994).
En palabras do propio Luiz Oliveira: “A miña carreira no cinema é longa. Teño varias longametraxes, curtas… pero Meu amigo Lorenzo é un filme especial e por iso tiña que verse nun festival especial, con características especiais”.
10 de marzo
O xurado, composto por Franco Tedesco, cineasta, Migual Alejos, presidente do Cineclub Valmiñor Alice Guy e Carmen Díaz, programadora especializada en medios de comunicación, decidiu premiar o filme documental 10 de marzo, dirixido por Roi Cagiao por ser “un filme necesario nos tempos actuais pola temática que aborda, por realizar unha lectura precisa e comprometida da historia política recente de Galicia, a través dunha narración dinámica e acadando unha sobriedade emotiva”.
Ademais, o xurado decidiu entregar tamén unha Mención Especial ao filme Liña de fuga, dirixido por Marta Blanco, “por elaborar un discurso arriscado que mantén o equilibrio entre as diversas áreas cinematográficas: montaxe, son, planificación, música… que contribúen a desenvolver un discurso intimista, acompañado dunha mirada crítica e feminista acerca da realidade”.
Mellor curtametraxe
Pola súa banda, os premios do público á mellor curtametraxe repartíronse entre os filmes de produción galega e os de produción de países da lusofonía.
O premio á Mellor Curtametraxe Galega recaeu en Antes de que se poña o sol, dirixida por Nani Matos. En palabras do seu director: “ a curtametraxe fala sobre os conflitos familiares e as difíciles decisións que, ás veces, é necesario tomar”. Según a organización do festival: “unha ficción sustentada na solidez do guión e na dirección de actores”.
Á mellor curtametraxe lusófona foi outra produción brasileira, Pedro e Inácio, dirixida por Caio Dornelas, un documental de corte político e combativo que aborda as loitas camponesas polo dereito á terra nunha pequena comunidade do Brasil.
A gala de clausura contou tamén cun concerto e a estrea da curtametraxe Carmen e a actuación musical correu a cargo do intérprete e compositor vigués Oswaldo Oro, artista de referencia internacional pola súa traxectoria ao longo dos últimos anos.
Programación, filmes de estrea, novos realizadores e mulleres directoras
A gala foi conducida polo director do festival, Alfonso Castaño, quen destacou como puntos fortes da presente edición a variedade da programación, “composta por filmes que incluíron ficción, documental, animación e cinema experimental, trazando un panorama moi preciso da actualidade da cinematografía galega e lusófona”.
Asi mesmo, Castaño salientou a cantidade de filmes que foron estrea. “Houbo sete estras en Galicia e en España e tres estreas de carácter internacional, dúas delas longametraxes”. Tamén amosou a súa satisfación pola aposta do festival polos novos realizadores, “presentando sete traballos que son ópera prima” e subliñou a importancia da “ampla presenza de mulleres directoras: un total de dez filmes foron dirixidos por mulleres na presente edición”.