Galicia Vigo al minuto

O persoal da limpeza de Correos leva xa dous meses sen cobrar

A empresa concesionaria négase a abonar os salarios

Persoal da limpeza de Correos, en folga indefinida dende o pasado luns, mobilizouse hoxe nas catro provincias galegas para reclamar o pago dos salarios pendentes e a rescisión do contrato coa actual concesionaria, JCórdoba.

Compañía insolvente

Dende o comité responsabilizan a dirección da empresa pública de deixar a xestión do servizo en mans dunha compañía insolvente que incumpre a lexislación laboral.

Así, as protestas, nas que participaron un bo número de persoas, desenvolvéronse a partir das 11:00 horas diante das principais oficinas de Correos en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, onde despregaron faixas e berraron consignas coas súas reivindicacións.

Rescisión do contrato

O comité de folga ofreceu onte unha rolda de prensa en Santiago para explicar unha problemática laboral que afecta a aproximadamente 360 traballadoras dos servizos de limpeza das dependencias de Correos das catro provincias e que se repite en todos os lotes do servizo de limpeza que Correos ten adxudicados no Estado. Na comparecencia diante dos medios de comunicación a representación do cadro de persoal esixiu a rescisión do contrato coa empresa concesionaria ante os incumprimentos das relacións laborais a todos os niveis, a comezar polo pagamento dos salarios.

Meses de mobilizacións

O persoal desta concesionaria xa se vén mobilizando en toda Galicia desde hai meses para denunciar os continuos atrasos, que agora xa son impagos, e apunta como responsábel á dirección de Correos por presentar o concurso á baixa e aceptar a aínda máis baixa proposta desta empresa.

Segundo explicou o representante da CIG, Xavier Torea, os problemas comezaron xa no momento da propia licitación, á que só concorreu esta empresa debido á deficitaria oferta económica do contrato. Un concurso ao que nin sequera se presentou Sacyr, a empresa que xestionaba o servizo até ese momento.

Baixa temeraria

Xunto a isto denunciou que a gañadora do concurso, SCT (Jcórdoba) para conseguir a concesión, presentou unha oferta con “baixa temeraria”, isto é, por debaixo dos custos reais do mantemento do servizo e dos salarios e que «agora as consecuencias páganas as traballadoras».

Non paga

O pasado 1 de xuño a empresa comunicou a súa intención de non abonar os salarios alegando que o contrato non cubre os custos e agora mesmo adebeda as nóminas de xullo e agosto.

Óscar Iglesias, presidente do comité, retrataba a situación de desesperación do persoal, que depende do seu salario para vivir e pagar facturas. “A xente esta moi mala, isto está provocando unha grande ansiedade das familias e xa hai traballadoras que tiveron que coller baixa por mor da tensión que están vivindo”.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.