O Multiúsos de Sabarís, en Baiona, acollerá este venres 8 de setembro ás 19:00 horas un pase da película de animación ‘Valentina’, dirixida por Chelo Loureiro, no marco do Ciclo Mestre Mateo. A través deste programa, promovido pola Deputación de Pontevedra e Academia Galega do Audiovisual, as dúas institucións buscan achegar as
longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia.
Valentina
O filme amosa a historia de Valentina, unha nena que soña con ser trapecista, pero que cre que nunca poderá conseguilo por ter a síndrome de Down. A película está tamén producida por Chelo Loureiro, xunto a Noa García, Brandán de Brano, Mariano Baratech e Luís da Matta, e conta coas voces de Andrés Suárez, María Manuela, Uxía e Pilocha, entre outras, cunha banda sonora obra de Nani García.
Premio Goya
Entre o seu palmarés conta co Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia
Española, e foi finalista aos Premios Mestre Mateo nesta mesma categoría.
Ciclo Mestre Mateo
Ademais de Baiona, esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo recala nos concellos da Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas de Reis. Estes cinco municipios exhiben ata novembro unha programación que inclúe ‘María Casares, a muller que viviu mil vidas’, ‘Unicorn Wars’ e ‘O corpo aberto’, recoñecidas respectivamente como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo.
O resto de títulos do programa son os filmes finalistas destes galardóns. É o caso dos documentais ‘Onde máis doe’, de Manane Rodríguez, estreado o pasado 2022 no OUFF-Ourense Film Festival; ‘Non somos nada’, de Javier Corcuera, Premio do Público no Festival In-Edit de Barcelona; e ‘A foreign song’ (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no Festival Internacional de Cine de Xixón.
Tamén as películas ‘Live is life’, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, e ‘Código Emperador’ (Jorge Coira, 2022), que foi estreada no XXIV Festival de Málaga.