Os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiron durante a fin de semana da Operación Retorno do Verán a 74 persoas debido a 53 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do venres, 1 e as 12 menos un minuto da noite do domingo, 3 de setembro.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 70. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado asistiron en 5 accidentes; o helicóptero medicalizado atendeu nunha ocasión; as ambulancias asistenciais de soporte vital básico asistiron en 54 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria prestaron asistencia sanitaria en 10 accidentes.
En 67 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes e en sete ocasións atendeuse no propio lugar do incidente.