Cultura Vigo al minuto

Denuncian que a ‘Carta de interese’ de Guns N’Roses non ten nada que ver con outras enviadas polo Concello

O BNG acusa ao Goberno local de «mentir de maneira flagrante e deliberada»

O Bloque Nacionalista Galego asegura que «o Goberno de Abel Caballero mentiu sobre as cartas de interese remitidas a promotoras para a contratación de concertos». Así o confirmou este venres o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, tras examinar a documentación solicitada polas «evidencias de irregularidades co patrocinio publicitario da actuación de Guns N’ Roses».

Nada que ver con outros concertos

Igrexas acusou o Goberno municipal de mentir “de maneira flagrante e deliberada” cando manifestou, por voz do voceiro socialista Carlos López Font, que o documento enviado á promotora de Guns N’ Roses era similar ao do resto de concertos. “Pero nada ten a ver o contido destas cartas, que eran respostas a propostas ou orzamentos previamente remitidos para a contratación directa, co acordo previo coa banda estadounidense”, censurou.

21 cartas

Nese sentido, o portavoz do BNG desvelou que o Concello enviou un total de 21 cartas de interese (sen contar a de Guns N’ Roses) dende xaneiro de 2022, das cales 20 corresponden a concertos do ano pasado e só unha deste curso para a actuación de David Guetta. “Todas as cartas responden a un mesmo modelo de texto xenérico, onde se trasladaba a disposición do Concello de contratar e na que se demandaba que se achegara algunha documentación para acreditar a exclusividade na representación das e dos artistas”, explicou.

Carta de interés de Guns N’Roses

Estes documentos, a xuízo do Bloque, non se corresponden coa carta de interese remitida en outubro de 2022 á promotora de Guns N’ Roses de maneira absolutamente opaca, sen incorporar aos expediente municipais e contrariando o criterio da propia Asesoría Xurídica do Concello, para comprometer case 2 millóns de euros de diñeiro público como achega económica».

Mentiras «reiteradas e descaradas»

Á vista destes feitos, «é claro que o portavoz do Goberno municipal, actuando como emisario de Abel Caballero, mentiu reiterada e descaradamente as viguesas e vigueses cando dixo primeiro que a carta de Guns N’ Roses era xenérica, despois que non contiña compromisos concretos, e por último que se trataba dunha carta tipo parecida a outras moitas enviadas para a programación das festas, denunciou o portavoz do BNG.

Que o alcalde «dea a cara»

Por estes motivos, dende a fronte nacionalista esixiron, máis unha vez, que o alcalde dea a cara sobre este asunto como máximo responsábel do Goberno municipal. “Abel Caballero ten que deixar de esconderse e darlle dunha vez explicacións as viguesas e vigueses». O primeiro paso, entenden dende o BNG, é informar sobre os «motivos para manter no cargo como voceiro a alguén que mentiu deliberadamente á cidade, a non ser que mentise por instrución súa».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.