Comarcas Vigo al minuto

Nigrán inicia a contratación da recollida do lixo cun custo de 33 millóns en 10 anos

Será o contrato con maior dotación económica na historia do Concello

Nigrán inicia a contratación da recollida do lixo cun custo de 33 millóns en 10 anos

O Goberno de Nigrán levará ao Pleno ordinario deste mércores o inicio do expediente de contratación do futuro servizo de recollida de lixo e limpeza viaria. Tras case tres anos prorrogado a Cespa-Precero, os novos plegos pasarán dunha concesión de 16 anos por 26 millóns de euros a unha adxudicación de servizo con valor máximo de 32,9 millóns de euros e 10 anos de duración sen dereito a prórroga. Este será o contrato con maior dotación económica na historia do Concello.

Máis colectores, recollida urbana e novos vehículos

Segundo subliñan dende o Concello, a cidadanía notará o cambio desde o mesmo momento en que se estree a concesión. Será así porque se estipula que a empresa realice un investimento inicial de 3,4 millóns de euros para aumentar nun 20% o número de contedores e renovalos todos. Ademáis, incorporará a recollida orgánica para a hostalaría (irá extendéndose progresivamente a toda a veciñanza) e deberá ter, obrigatoriamente, unha flota de vehículos e maquinaria totalmente nova.

Asi mesmo, subliñan dende o Goberno local, o plego beneficiará aos residentes dos diferentes SAUs ou a Porto do Molle, zonas que non tiñan cabida coa concesión actual (entrou en vigor nese ano). “O vindeiro contrato ten visión de futuro no seu plantexamento, cubrirá todo o territorio independentemente do desenvolvemento urbanístico que experimente Nigrán nos próximos 10 anos”, subliña o alcalde, Juan González.

Dúas brigadas: de limpeza urbana e no rural

Por último, o rexedor engade que a veciñanza tamén notará a mellora na calidade do servizo grazas á creación por vez primeira de dúas brigadas adicadas en exclusiva á limpeza urbana (viaria, de marquesinas ou pavimentos) cun máximo 22.000 horas ao ano e outra rural para a recollida de podas, desbroces, etc.

También te puede interesar