O grupo municipal socialista de Tomiño volve a denunciar, unha vez máis, a «gravísima situación de saúde pública» que está a padecer a veciñanza a causa da nova baga de moscas que asolaga varias parroquias.
Así, na tarde de onte puxéronse en contacto cos socialistas os veciños e veciñas, neste caso de Forcadela, «para informarnos da terrible situación que están a vivir»por esta invasión de moscas que «afecta seriamente o seu día a día e a súa calidade de vida pondo en risco mesmo a súa saúde».

Por isto, a voceira socialista, Violeta de Santiago, esixe respostas e accións ao Goberno municipal que «está desaparecido e non actúa neste grave problema». Ademáis pregúntase «que pasa con ese famoso estudo encargado a universidade de Vigo? Estáse traballando realmente nel? Hai conclusións? Si as hai, cal é o motivo de non facelo público e actuar para atallar esta invasión?»

Segundo a voceira socialista, «a cidadanía vai moi farta de anuncios electoralistas que non achegan solucións aos seus problemas e demandan información, transparencia e acción xa». E por iso que lembran que a alcaldesa, Sandra González, baseou a súa campaña electoral decindo que as persoas estarían no centro da acción política e que poría corazón. «Non é precisamente o que está a facer nin a demostrar».