O Goberno municipal do Porriño manifestou a súa «máis enérxica condena á agresión sexual acontecida na madrugada do martes nas festas de Pontellas«. Ademáis, amosa «o noso total apoio e solidariedade coa vítima e a súa familia, poñendo a súa disposición os recursos de apoio psicolóxico e protección que requira«.
Dende o Concello, «a petición da familia», coa que mantivo contacto «en todo momento», fan un chamamento á «prudencia na difusión de informacións» e piden o máximo respecto para preservar os seus dereitos e intimidade.
«Reiteramos, de maneira clara e decidida, o noso rexeitamento contra calquera forma de violencia machista», sinalan dende o Goberno municipal. «O noso compromiso na loita contra calquera conducta que atente contra a dignidade e a integridade física ou moral das mulleres é firme».
Por último, os responsábeis locais lembran que nos eventos organizados polo Concello do Porriño as mulleres teñen á súa disposición, nun lugar accesible e céntrico, o Punto Violeta ao que poden acudir en caso de sufrir ou presenciar unha agresión sexual, ademais de recibir atención inmediata por parte de persoal cualificado.