Galicia Vigo al minuto

Ecoloxistas en Acción paraliza as obras de San Finx logo de interpoñer denuncia no Xulgado

Contra a directora Xeral de Desenvolvemento Rural por presuntos delitos de malversación e prevaricación

Ecoloxistas en Acción paraliza as obras de San Finx logo de interpoñer denuncia no Xulgado

Intensifícase o conflito na mina de San Finx, en Lousame, logo de que activistas de Ecoloxistas en Acción paralizasen esta mañá os traballos de instalación da tubaxe polo que a filial da empresa australiana Pivotal Metals pretende verter case 1.000 millóns de litros anuais de drenaxes de mina con altas concentracións de metais pesados.

Así, unha ducia de mariscadores e membros do grupo ecoloxista situáronse diante das máquinas mentres outro grupo disfrazado con caveiras botaba unha partida ao “MINApoly“, versión do popular xogo preparada para a ocasión coa que denuncian a corrupción que rodea esta polémica mina.

Parte de unha obra contratada pola Xunta

Precisamente denuncian que as infraestruturas para efectuar as verteduras están sendo executadas como parte dunha obra pública contratada pola Consellaría de Medio Rural para o asfaltado dunha estrada local, o que desde a organización ecoloxista consideran indiciario dun presunto delito de malversación de caudais públicos e prevaricación. Por iso, esta mesma semana interpuxeron denuncia penal nos xulgados de Santiago contra a Directora Xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, logo de que varios colectivos da Plataforma comarcal contra os vertidos lle demandaran a semana pasada a suspensión das obras.

Quinta causa penal contra a mina de San Fix

Este é a quinta causa penal que se abre en relación á mina de San Finx, xuntándose ás dilixencias que se siguen contra o ex-director xeral de minas Ángel Bernardo Tahoces, que deberá declarar en Santiago con outros funcionarios igualmente imputados; así como ás abertas contra altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira e os seus administradores.

En paralelo, cofradías, concellos e organizacións ecoloxistas iniciaron varios contenciosos contra a autorización de vertidos outorgada pola Xunta en febreiro, confiando en que a xustiza a suspenda cautelarmente antes de que sexa demasiado tarde.  

Autorizadas por Augas de Galicia

Logo da multitudinaria protesta que tivo lugar o pasado sábado na propia mina, Augas de Galicia anunciou que extendera ata o 12 de agosto o prazo para acabar as obras que permitirán realizar o vertido. Desde Ecoloxistas en Acción alertan que a “agostosidade” da Xunta busca desmobilizar a comarca situando o inicio dos vertidos en época vacacional, mais advirten de que o “truco” non funcionará e anuncian máis mobilizacións durante o verán.

A operación das minas de San Finx foi autorizada “ilegamente” en 2009 cun proxecto non sometido a avaliación de impacto ambiental e sen participación pública. Así, a pesar de que a propia Xunta recoñeceu recentemente a situación ilegal da mina, “Augas de Galicia outorgoulle este ano unha autorización de vertido logo de máis de sete anos de tramitación totalmente irregular“. A mina está a apenas 7 km da ría de Muros e Noia e o inicio das verteduras compromete a integridade dos bancos de marisqueo dos que dependen máis de 10.000 empregos directos e indirectos.

También te puede interesar