O castelo de Soutomaior acolle este martes, 27 de xuño, a estrea dunha nova edición de ‘Tras as ameas’, o programa cultural e familiar da Deputación de Pontevedra que abrangue unha diversa oferta de actividades dirixidas a todos os públicos.
Así, o concerto inaugural está a cargo de Javier Otero e Rut Balbís, leva por título ‘Escoitando o silencio’ e terá lugar ás 21:00 horas. ‘Escoitando o silencio’ será un concerto ao solpor de música accesible con piano, danza e
auriculares silent system, unha experiencia diferencial en todo o espazo do xardín da fortaleza que, mediante o uso da tecnoloxía sen cables, suporá un exercicio sen precedentes dentro deste proxecto innovador.
Nel, Javier Otero e Rut Balbís farán unha proposta artística baseada na intervención musical co obxectivo de que o silencio perdure na contorna, de xeito que o concerto de piano e electrónica con auriculares de última xeración transcorra respectando ese silencio.
A bailarina Rut Balbís interpretará unha coreografía creada expresamente para este espazo, na que se interactuará co público e co xardín na procura de experimentar a música en directo desde o silencio.
13 accións
‘Tras as ameas’ está composto por 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo e que se prolongarán ata o 29 de agosto. Estarán divididas en cinco bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).
Prazas esgotadas en 5 actividades…
Cinco destas 13 actividades teñen xa as prazas esgotadas: o obradoiro de arquitectura ‘Re-coñecendo o Castelo’ de Taller Abierto, o 4 de xullo no castelo de Sobroso; o taller de natureza e creatividade ‘Explorando a paisaxe’ tamén de Taller Abierto, o 6 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo de maxia ‘Rock ‘n’ magic’ do Mago Teto, o 20 de
xullo en Soutomaior; ‘As palabras perdidas’ de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; e as actividades de circo ‘Glamping’ de SU.MA., o 3 de agosto en Soutomaior.
…e con prazas libres noutras 8
As actividades para as que aínda quedan prazas dispoñibles son as seguintes: o obradoiro ‘Frida’ da compañía A Cova das Letras, o 13 de xullo no castelo de Soutomaior; o espectáculo nocturno ‘Caldo’ a cargo de María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto ‘Silforiña’
da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior; o espectáculo circense ‘Nino & Mambrú’ de Nauta o 17 de agosto en Soutomaior; a actividade de maxia ‘Superheroe’ de Fran Rei o 22 de agosto en Sobroso e, finalmente, o obradoiro ‘Lingoreteira’ de Xarope Lulú en Sobroso.