A Deputación de Pontevedra vén de ampliar o prazo para que estudantes recentemente titulados de ciclos medios de Formación Profesional, Formación Profesional Básica e cursos que conduzan á obtención de Certificados de Profesionalidade dos niveis I, II e III poidan participar no programa de mobilidades europeas Erasmus+ 2022.
O mesmo lles axudará na súa integración no mundo laboral a través de prácticas laborais en empresas e
institucións estranxeiras. Así, o programa que estaba previsto que rematase o 31 de agosto deste ano, coa ampliación solicitada pola Deputación ao SEPIE (Servizo Español para a Internacionalización da Educación), estenderase agora ata o 31 de maio de 2024.
A través desta iniciativa prevense realizar ata 60 mobilidades de longa duración do alumnado e 5 mobilidades de aprendizaxe de docentes e persoal en países como Alemaña, Bélxica, Finlandia, Francia, Grecia, Irlanda, Italia, Islandia, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal ou Romanía
Ata o momento, xa son 15 os rapaces e rapazas de diferentes centros educativos da provincia que están a aproveitar esta oportunidade en diferentes países da Unión Europea. Mentres que 8 deles comezaron a súa mobilidade no mes de abril, os outros 7 iniciárona ao longo do mes de maio.
En total, o proxecto Erasmus+ 2022 conta cun orzamento de 796.865 euros, dos cales 599.765 euros son achegados polo SEPIE.