Vigo al minuto

Volveu o metal

Os traballadores paralizan os asteleiros da ría de Vigo

Volveu o metal

A primeira xornada das tres convocadas no Metal da provincia, paralizou totalmente o sector e deixou sen actividade os estaleiros das rías de Vigo e Pontevedra. Dende as centrais sindicais instan a patronal a “tomar nota” e a negociar un convenio colectivo cunhas condicións laborais dignas.

Milleiros de traballadores

Para esixilo, milleiros de traballadores tomaron hoxe as rúas de Vigo, nunhas mobilizacións que lembraron as históricas protestas desenvolvidas polo sector 14 anos atás. Así, dende ben cedo os piquetes informativos percorreron os principais polígonos industriais, comprobando que o seguimento do paro estaba a ser absolutamente masivo. Así se evidenciou posteriormente nas concorridas manifestacións celebradas nas dúas cidades ao berro de “convenio do metal, solución”.

Propostas salariais “insultantes”

Á vista das mesmas, CIG, CCOO e UGT agardan que a patronal non ignore esta demostración de forza e que deixe as súas propostas “insultantes”. Nesta liña, os sindicatos, aseguran que a parte empresarial pretende sacar adiante un convenio cunha suba salarial totalmente insuficiente que non contempla ningunha das reivindicacións da parte social.

De feito, nas dúas últimas xuntanzas, celebradas o luns e o martes, a patronal só se amosou disposta a chegar a un incremento de soldos do 1% en 2023, do 2% en 2024 e do 2,5% en 2025. Sen cláusula de revisión salarial. Ademais, teima en reducir os 3 días por nacemento de crianzas; conxelar os valores dos desprazamentos; limitar as vacacións e non aplicarlle ao grupo 1 a suba de soldos que se pacte.

Tampouco desiste da súa intención de permitir a entrada das ETT no sector e, tamén néganse á redución de xornada anual que propoñen os sindicatos (24 horas), aceptando unicamente que sexa de 8 horas.

Seguirán as mobilizacións…“con contundencia”

En consecuencia, dende as centrais insisten que seguirán a mobilizarse “con contundencia” até que o empresariado “se tome en serio as negociacións e deixe de dilatar o proceso”. Polo pronto, lembran que hai convocadas dúas novas xornadas de folga no sector para os vindeiros martes 20 e xoves 22 de xuño.

También te puede interesar