Destacados Vigo al minuto

A Xunta amplía ata preto de 21 millóns o orzamento do ‘Bono Alugueiro Social’

Para axudar a colectivos vulnerábeis

A Xunta amplía ata preto de 21 millóns o orzamento do 'Bono Alugueiro Social'

A Xunta vén de ampliar ata preto de 21 millóns de euros —4,67 millóns de euros reservados para vítimas de violencia de xénero e 16,3 millóns de euros para o resto de beneficiarios— o orzamento total dispoñible para pagar o Bono de alugueiro social. Trátase dunha prestación destinada a garantir cobertura da renda da vivenda habitual a colectivos e familias en situación de vulnerabilidade.

Así, coa resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) que se recolle este xoves no Diario Oficial de Galicia , a actual convocatoria do bono suma 2,3 millóns de euros aos fondos inicialmente previstos.

Colectivos desfavorecidos

Deste xeito, refórzase o obxectivo deste programa: facilitar o acceso ou o mantemento dun fogar a colectivos desfavorecidos, especificamente a afectados por unha demanda de desafiuzamento ou un procedemento de execución hipotecaria; vítimas de violencia de xénero e mulleres que sofren trata con fins de explotación sexual; fillos menores de 30 anos de vítimas mortais por violencia de xénero; persoas privadas da súa vivenda por causas sobrevidas e imprevistas ou que se atopen en situación de emerxencia social; e mozos tutelados pola Xunta unha vez acadan a maioría de idade, entre outros.

Prestación de ata 550 euros ao mes

Por iso, co fin de paliar este tipo de situacións de vulnerabilidade, os beneficiarios teñen dereito a unha prestación que, desde o ano 2020, equivale ao 100% da renda que figure no seu contrato de alugueiro. Iso sí: sempre e cando esta non supere a contía límite establecida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para cada área xeográfica.

Deste xeito, nas 7 grandes cidades o importe que asume a Xunta é de, como máximo, 550 euros ao mes; nos concellos de tamaño medio e localizados en contornas urbanas, está fixado en 500 euros; e no resto de municipios, o límite acada os 425 euros.

Te podría interesar