«Pola falta de contratos estables e de calidade»
CIG-Saúde denuncia o «fracaso» da Xerencia da Área Sanitaria de Vigo para reter ás persoas que rematan a súa formación como Especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria.
Así, apuntan dende o sindicato, só 6 dos 21 residentes desta especialidade traballará en Atención Primaria, en consulta ou en Puntos de Atención Continuada (PAC); 13 dos 21 traballarán en Urxencias Hospitalarias; 9 en hospitais galegos e 4 de fora.
Falta de contratos estables e de calidade
Segundo os responsábeis da CIG, «o feito de que 13 prefiran traballar en Urxencias Hospitalarias reflicte a situación de
precariedade e sobrecarga na que se atopa a Atención Primaria na nosa Área Sanitaria». Ademais, engaden, resulta especialmente incomprensible que, neste ano, ante o escenario de falta de profesionais nos Centros de Saúde e nos PACs ,non se tomaran medidas concretas para ofertar contratos estables e de calidade ás persoas que rematan a súa
formación.
Por todo iso, CIG-Saúde denuncia a «falta de compromiso da Xerencia de Vigo coa Atención Primaria» e esixe que se oferten eses contratos laborais de calidade. Nesta liña, a central pide á Consellería de Sanidade que se desboten as ofertas de prazas da nova categoría de Facultativo Especialista de Atención Primaria, que penalizan as condicións
de traballo.