Cultura Vigo al minuto

O Centro Dramático Galego inicia en Vigo a xira de ‘Un hotel de primeira sobre o río’

Este xoves, día 4, no Teatro García Barbón

O Centro Dramático Galego inicia en Vigo a xira de 'Un hotel de primeira sobre o río'

Este xoves, día 4, no Teatro García Barbón

O Centro Dramático Galego inicia no Teatro García Barbón, a xira do espectáculo Un hotel de primeira sobre o río, cunha función que terá lugar este vindeiro xoves, día 4, ás 20,30h. A obra de Xohana Torres, dirixida por Gonçalo Guerreiro e María Torres, conta cun elenco integrado por Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga.

Xohana Torres

Elefante Elegante afrontou a posta en escena de Un hotel de primeira sobre o río co fin de reivindicar a relevancia e a vixencia da obra dramática de Xohana Torres, figura transcendental da literatura galega contemporánea. De feito, tal e como sinalan ambos os dous directores, o seu persoal estilo e a actualidade dos temas que aborda permiten «tomar consciencia da importancia do seu labor, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose en referente en feminino e fonte de inspiración».

A adaptación explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un «carácter visionario» que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural.

Danza e música

En Un hotel de primeira sobre o río, o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición.

O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase tamén na escenografía, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes.

Pode comprar as entradas premendo aqui.

También te puede interesar