Vigo al minuto

Reclaman a fin do “acoso inmobiliario” da Sareb contra veciños de Vigo

O BNG pide frear o intento de “expulsión” de 6 familias da rúa Privada Moderna

Reclaman a fin do “acoso inmobiliario” da Sareb contra veciños de Vigo

O BNG pide frear o intento de “expulsión” de 6 familias da rúa Privada Moderna

O Bloque Nacionalista Galego reclama a fin do “acoso inmobiliario” da Sareb contra a veciñanza da rúa Privada Moderna. Así, dende o BNG esixen que o Goberno do Estado e o de Vigo actúen con urxencia para frear o intento de expulsión das seis familias que residen actualmente nesta urbanización. Nesta liña, insisten en que se realicen as obras de reparación necesarias e para destinar a alugueiro social as restantes 40 vivendas tapiadas polo chamado ‘banco malo’, nesta rúa do Calvario.

‘Fondo voitre’

“O comportamento da Sareb é absolutamente inaceptábel, máis propio dun fondo voitre que dunha entidade de titularidade pública”, denunciou o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, após manter unha xuntanza coa veciñanza da Privada Moderna xunto co concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Rego volveu trasladar iniciativas no Congreso diante da insistencia do ‘banco malo’ nas prácticas de acoso contra as familias desta urbanización viguesa. Existe unha sentenza que obriga a Sareb a reparar as vivendas, subliñou o deputado nacionalista, que reclamou ademais que o Goberno español dea instrucións para que a Sareb retire o recurso de apelación presentado contra este fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Incompatíbel co anuncio de Pedro Sánchez sobre vivenda

Nese sentido, o voceiro do BNG no Congreso cualificou de “incompatíbel” este comportamento co recente anuncio feito por Pedro Sánchez, de mobilizar os activos da Sareb para destinalos a arrendamentos accesíbeis. “Precisamente as seis vivendas ocupadas de Privada Moderna están en alugueiro e pretenden desaloxalas e mentres teñen pechados o resto dos 40 pisos”, reprochou.

O Goberno municipal, “cómplice do acoso”

Pola súa banda, o concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo denunciou que a “inacción cómplice” do Goberno municipal agravou estas prácticas da Sareb. “Leva moitos meses negándose a atender a esixencia que dende o BNG trasladamos de forma reiterada para que se proceda á execución subsidiaria das medidas de carácter urxente que garantan a seguridade e a habitabilidade das vivendas”. Así, Igrexas criticou que o Concello tan só impuxera multas por importe de 3.000 euros ao ‘banco malo’ por ter ignorado este requirimento municipal durante cinco anos.

“Todas” as medidas neesarias

Así, Igrexas volveu reclamar estas actuacións urxentes na última sesión da Xerencia de Urbanismo, celebrada este pasado martes. “A veciñanza de Privada Moderna ten dereito a poder seguir residindo nas súas vivendas”, afirmou o edil do Bloque, que trasladou o total apoio das nacionalistas a esta demanda e a disposición a exercer todas as accións necesarias, incluídas tamén aquelas de alcance xurídico, para “rematar con este acoso“.

Ademais, insistiu na necesidade de que as vivendas tapiadas pola Sareb se destinen canto antes a usos sociais diante do “brutal impacto” do incremento de prezos na cidade. Estos aumentaron, no caso dos alugueiros, un 50% no último lustro. “Hoxe no Calvario hai ofertas inmobiliarias inasumíbeis, con arrendamentos de case 1.000€ ao mes para pisos de apenas 90 metros cadrados”, remachou.

También te puede interesar