Galicia Vigo al minuto

Esgotadas todas as prazas para as ‘Rutas das Maceiras en flor’, da Deputación

En só tres días voaron as 160 prazas

Esgotadas todas as prazas para as 'Rutas das Maceiras en flor', da Deputación

En só tres días voaron as 160 prazas

Tras abrir as reservas o pasado venres, a Deputación vén de colgar o cartel de ‘completo’ para participar na nova edición das rutas das maceiras en flor. Deste xeito, en só tres días esgotáronse as 160 prazas dispoñibles para participar na actividade, 40 por cada unha das catro quendas organizadas entre o sábado 29 de abril, o domingo 30 de abril e mailo luns 1 de maio en lagares singulares da comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

Ademais, na actualidade as rutas xa contan cunha lista de agarda de máis de 100 persoas interesadas en coñecer a beleza destas especies neste momento do ano.

Visual, aromático e gustativo

Nas rutas das maceiras en flor as persoas participantes gozarán da floración das maceiras con todos os sentidos: o visual, o aromático e o gustativo. As rutas comezarán visitando a plantación de maceiras de Callobre. No punto de partida, ademais, poderán observar a sobreira de Valiñas, un exemplar de máis de 300 anos, de máis de 22 metros de altura e considerado un dos máis importantes da especie en toda Galicia.

Ao finalizar a visita ás plantacións, as persoas participantes desprazaranse ata un dos 4 lagares da Estrada para facer unha degustación dos seus produtos.

Sábado, domingo e luns

O sábado, celebraranse dúas quendas: pola mañá ao Lagar de Ribela (na aldea que leva o seu nome), e pola tarde á Sidrería Camino (en Moreira). O domingo 30 de abril realizarase a visita ao lagar Rabiosa (en Pardemarín) e, finalmente, o luns 1 de maio ao lagar Peroja (na aldea de Agar), ambas as dúas en horario de mañá.

As actividades comezarán ás 11:00 horas nas quendas de mañá e ás 17:00 horas nas quendas de tarde. Os autobuses desde Pontevedra para as persoas que os solicitasen, con saída na parada de autobuses situada diante da capela de San Roque, sairán unha hora antes do inicio.

As persoas que o desexen tamén se poden desprazar pola súa conta ao punto de encontro, a contorna da nave de Muebles Fecana en Callobre, chegando preferentemente uns 15 minutos antes.

A Estrada

A Estrada é líder do noroeste peninsular en mazá ecolóxica: ten máis de 100 hectáreas certificadas e unha previsión de máis de millón e medio de quilos de mazá e unha produción duns 100.000 litros. Con este produto turístico, que aproveita o momento da floración destas árbores froiteiras, a Deputación avanza un chanzo máis na súa aposta pola desestacionalización do sector turístico, ofertando actividades en todos os momentos de lecer.

También te puede interesar